A nova xira do obradoiro de teatro de Palas será por Francia e Italia e con xornada en PortAventura World
- Laura Moure

- hace 52 minutos
- 3 Min. de lectura
Esta terá lugar entre os 9 e 17 de maio e constitúe unha experiencia educativa e cultural de grande valor
Laura Moure/Palas de Rei
O Concello de Palas de Rei, en colaboración co profesorado do Obradoiro Municipal de Teatro, está a organizar unha nova xira teatral dirixida ao alumnado participante neste proxecto formativo e artístico. A viaxe desenvolverase entre os días 9 e 17 de maio, cun percorrido por Francia e Italia, e rematará cunha xornada lúdica en PortAventura World antes do regreso.

Esta iniciativa constitúe unha experiencia educativa e cultural de grande valor, na que o teatro se entende como unha ferramenta de expresión, convivencia e aprendizaxe compartida. O alumnado non só terá a oportunidade de representar o seu traballo escénico en contextos internacionais, senón tamén de establecer vínculos con outros grupos, coñecer novas realidades culturais e reforzar valores como a cooperación, o respecto á diversidade e a inclusión.
Na xira participará alumnado de Palas de Rei, acompañado por integrantes do grupo de teatro do IES de Cacheiras. En total, serán arredor de 31 persoas as que formarán parte desta experiencia. O equipo docente acompañante estará integrado por Óscar Varela Casal, Xosé Manuel Pérez Paredes, Afonso García Penas e David Rodríguez Puy.
PUBLICIDADE
A saída terá lugar o sábado 9 de maio, ás 19:45 horas, desde a Casa da Cultura de Palas de Rei. O regreso está previsto para o día 17 de maio, ás 10:30 horas, no mesmo punto.
Itinerario e actividades
A viaxe inclúe unha intensa programación cultural e escénica, con actuacións en centros educativos italianos:
• Martes, 12 de maio: actuación no Auditorio do Liceo Scientifico G. Marconi, en San Miniato, ás 9:00 horas.
• Mércores, 13 de maio: representación no Teatro Tivoli, ás 10:00 horas, para o alumnado do Liceo Niccolò Copernico, en Boloña.
• Xoves, 14 de maio: nova actuación no Auditorio do Liceo Niccolò Copernico, ás 10:00 horas, tamén en Boloña.
O programa inclúe ademais visitas culturais de grande interese:
Domingo, 10 de maio – Nîmes (Francia). Chegada á cidade de Nîmes, onde se visitará o seu rico patrimonio histórico: a Maison Carrée, o anfiteatro romano, as antigas murallas, a Porta Augusta e a Torre do Reloxo, entre outros espazos emblemáticos.
Luns, 11 de maio – Pisa (Italia). Desprazamento cara Pisa, con percorrido pola Piazza Vittorio Emanuele II, o río Arno e a coñecida Piazza dei Miracoli, onde se atopan a Torre Inclinada, o Duomo e o Baptisterio.
Martes, 12 de maio – Florencia (Italia). Tras a primeira actuación, traslado a Florence, onde o grupo poderá coñecer lugares de referencia como a Piazza del Duomo, o Ponte Vecchio, a Piazza della Signoria, o Palazzo Vecchio, así como igrexas e museos de grande valor artístico.
Mércores, 13 de maio – Boloña (Italia). Chegada a Bologna, onde, ademais da actuación, terá lugar unha xornada de convivencia co alumnado local. O propio estudantado boloñés organizará unha visita guiada pola cidade, incluíndo a Piazza Maggiore, a Basílica de San Petronio, as torres Asinelli e Garisenda e outros espazos significativos.
PUBLICIDADE
Xoves, 14 de maio – Niza (Francia). Desprazamento ata Nice. Pola tarde, visita ao centro histórico, ao paseo marítimo e ao castelo, entre outros puntos de interese.
Venres, 15 de maio – Salou (España). Viaxe cara Salou, onde se realizará unha breve visita antes de gozar dunha xornada en PortAventura.
Organización da estancia
O Concello de Palas de Rei, xunto coa Escola Municipal de Teatro, vén promovendo este tipo de iniciativas ao remate de cada curso escolar, consolidando o teatro como un espazo de encontro, aprendizaxe e crecemento persoal. A colaboración con outras entidades, como o Concello de Touro ou o IES de Cacheiras, reforza o carácter comunitario e inclusivo deste proxecto, no que a cultura se converte nunha ponte entre persoas, territorios e xeracións.








Comentarios