top of page

"A nova central de biomasa de Lalín permitirá aos centros educativos aforrar 27.000 € ao ano"

Román Rodríguez visitou este sábado a obra que está practicamente rematada, á espera de realizar as probas correspondentes e a posta a punto da instalación cos centros en funcionamento


Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este sábado a nova central de biomasa que dá servizo a varios edificios públicos, a meirande parte deles educativos, en Lalín e que supón un investimento de 1,3 M€ por parte da Xunta. No marco desta visita, destacou que a Xunta está a traballar na mellora da eficiencia enerxética dos centros de ensino mediante tres liñas de actuación: rehabilitacións integrais e melloras sectoriais (como o cambio de luminarias ou as impermeabilizacións das fachadas, que permiten un aforro enerxético de arredor do 40 %), instalacións de biomasa e placas fotovoltaicas.

“A través de todas estas medidas, enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, buscamos reducir o impacto medioambiental que supón climatizar os edificios educativos. Así mesmo, favorecemos o aforro económico nun contexto de alza dos prezos enerxéticos”, dixo. Por outra banda, salientou que este tipo de melloras redundan nun maior confort para a comunidade educativa.


Ata un 61% de aforro

No referido á central de biomasa de Lalín, o conselleiro destacou “o ambicioso da instalación, que vai permitir reducir as emisións de CO₂ nun 61 % e un aforro económico anual de 27.000 €”, destacou o titular do departamento educativo autonómico. Neste sentido, o consumo actual dos edificios é duns 63.000 litros de gasóleo/ano, o que supón 627.000kWh de consumo enerxético e unhas emisións aproximadas de 195 toneladas de CO₂ equivalente. Co cambio de combustible, o consumo será de 11,2 toneladas de CO₂ equivalente, polo que o aforro estimado é de 184 toneladas, é dicir un 94 % menos respecto das emisións actuais.


Publicidade


Tal e como explicou o conselleiro, a obra está practicamente rematada, á falta de que a empresa faga as probas correspondentes e poña a punto a instalación cos centros xa en uso. “Deste xeito, está previsto que todo estea listo o 7 de outubro, polo que a instalación estará en funcionamento para cando chegue a época de frío”, sinalou.

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que a de Lalín é a terceira instalación deste tipo, tras a posta en marcha en Pontevedra en 2021 e a que entrará en funcionamento este curso en Lugo, na que agora mesmo se están acabando os últimos detalles e que tamén estará lista para a época de temperaturas máis baixas.


Servizo para máis de 2.000 persoas

A nova instalación de biomasa alimentará catro edificios, en concreto o Instituto IES Ramón María Aller Ulloa, o Colexio CEIP Xesús Golmar, a Galiña Azul Lalín-Pontiñas e o Auditorio Municipal de Lalín, cun aforo posible entre todos de máis de 2.000 persoas.

O edificio que alberga a instalación conta cunha superficie total construída de 192,65m², con dos compartimentos no interior: un destinado ao almacenamento de biomasa e unha sala con dúas caldeiras (cada unha cunha potencia de 500kW, é dicir, cunha potencia total de 1.0 MW) e equipos de distribución hidráulica


Publicidade

Melloras no CEIP Xoaquín Loriga

O conselleiro aproveitou a súa visita para achegarse ao Colexio CEIP Xoaquín Loriga de Prado, onde o seu departamento vén de acometer melloras por importe de máis de 48.000 euros. A obra a executada consistiu na construción dunha cuberta a base de estrutura metálica para o espazo do patio. Executouse con paneis opacos de chapa de aceiro e con paneis translúcidos de policarbonato, para garantir unha entrada de luz neutra durante todo o ano e evitar o sobrequecemento por radiación solar.


Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros educativos e que ten entre os seus obxectivos principais o de acadar uns centros educativos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.


Ambas as dúas obras forman parte do paquete de intervencións en marcha este verán, un total de 444 obras de mellora en 305 centros educativos de Galicia, o que supón 87 actuacións máis que o pasado 2022. O orzamento é de 76,5M€, un 19% máis. No que vai de lexislatura impulsáronse ao abeiro deste plan 1.372 actuacións.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page