Ecos da Comarca/Xeral
Entre o mediodía do día de onte o as 6 horas desta mañá, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia rexistrou 556 incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adverso que afectaba a toda a comunidade.
Os máis frecuentes déronse nas estradas, onde os servizos de emerxencias interviñeron maioritariamente pola presenza de árbores e pólas (334), postes e cables nas vías de circulación (45), terra e pedras (41) ou carteis e sinais de tráfico desprazadas (24).
Tamén cabe destacar, que se levaron a cabo diversas intervencións por parte dos servizos de emerxencia para evitar riscos, un total de 46.
Publicidade
Con todo, a provincia que máis sufriu os efectos da meteoroloxía adversa foi A Coruña, na que se rexistraron 245 incidencias, seguida de Pontevedra (183), Lugo (76) e, por último, Ourense (48).
Por último, os concellos máis afectados na provincia da Coruña foron; A Coruña (15), Santiago (14) ou San Sadurniño (10). Os concellos de Pontevedra (18) ou Vigo (14) foron os máis afectados na provincia de Pontevedra. O mesmo ocorre con Lugo, onde destacan os concellos de Ribadeo (8) ou Vilalba (4) e, por último, os municipios de Ourense (3), Muíños (5) ou San Cibrao das Viñas (2) na provincia de Ourense.
Ao longo deste período, as vías de comunicación galegas rexistraron diversos accidentes ligados ás condicións climáticas adversas. As máis destacables tiveron que ver con árbores e pólas nas estradas. Moitas delas cortaron a circulación parcial ou completamente (sobre todo en vías secundarias, aínda que tamén afectaron a autoestradas, autovías e estradas xerais).
Corte dunha árbore en Toques
Por exemplo, a primeira hora da tarde de onte mércores, un veciño dos Curros, na parroquia da Capela, en Toques, comunicaba ao 112 Galicia a perigosidade dunha árbore que corría o risco de caer sobre a estrada e sobre o cableado da luz. Os Bombeiros de Arzúa desprazáronse ao lugar para retirar a póla. Tamén outro exemplo, é que na PO 840, ao seu paso pola parroquia agoladesa de Artoño, unha árbore caeu sobre o vial ocupando case dous dos carrís, tal e como nos informou unha lectora.
Máis aló das afeccións á circulación, a caída de árbores tamén provocou algúns accidentes nas estradas galegas. Por fortuna, ningún de gravidade: un particular informaba pasadas as 21:30 horas da noite do día de onte, dun accidente contra unha árbore na AC-445, á altura da parroquia de Redonda (Corcubión). Ás 4:45 horas, un camioneiro daba conta dun suceso similar en Rábade, na LU-111.
O vento foi o responsable dunha importante cantidade das incidencias rexistradas no 112 Galicia durante as últimas horas. Por poñer algún exemplo, derrubou parte da cuberta do tellado dun edificio da rúa de Joaquín Costa, en Pontevedra (23:22 horas) ou levantou o tellado da piscina municipal de Abegondo (20:16 horas).
Publicidade
Por outra banda, o 112 Galicia tamén tivo aviso durante a noite da inundación da estación de tren e dun restaurante próximo en Cambre, pasada a medianoite.
Tamén, diferentes zonas e pobos sufriron cortes de electricidade, como O Viso (Redondela) ou a parroquia de Lema (Carballo).
Por último, engadimos o aviso dun particular que indicaba que a forza do temporal provocara a rotura de parte do rompeondas do peirao de Barallobre, en Fene. O aviso chegaba ás 23:30 horas, e o particular que informou alertaba de que podía haber perigo para as embarcacións. O GES de Mugardos achegouse a realizar comprobacións.
Comentarios