top of page

A metade de participantes do programa de inserción laboral Máis Emprego de Cogami está traballando

Financiado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, desenvólvese na provincia de Pontevedra e pretende mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade


Laura Moure/Deza

Máis Emprego é un programa de inserción laboral que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) dirixe a persoas con discapacidade ou incapacidade

aboral, empadroadas nos concellos da provincia de Pontevedra e con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos. A través deste programa foron atendidas un total de 108 persoas, 55 mulleres e 53 homes, co fin de mellorarlles as súas situacións sociolaborais.


Ademais da posesión do certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual, todas as persoas participantes deste programa teñen en común correr o risco de estar en situación de exclusión social. Por iso é importante traballar con elas de maneira individual, co deseño de itinerarios personalizados e encamiñados á súa inserción laboral. Cofinanciado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, a través de Máis Emprego impartíronse cinco cursos nos que se formaron 70 persoas, 36 mulleres e 34 homes.

Orientadores do programa Máis emprego atendendo a unha usuaria.

As temáticas estiveron orientadas ás ocupacións máis demandadas polas empresas da zona, como son a limpeza hospitalaria que se levou a cabo en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra; Almacén e carretilla en Vigo; Conserxería / recepcionista en Marín; Recepcionista de oficina impartido na comarca do Salnés e o curso de Expendedor de combustible impartido no concello de Cuntis.


Ademais da formación para a mellora da empregabilidade, a través de Máis Emprego

trázanse itinerarios individualizados, realízase orientación laboral na busca activa de

emprego e realízanse visitas a empresas para captar ofertas, analizar as necesidades de

especialización de persoal que teñen e coñecer os postos con máis demanda. Durante o

ano pasado realizáronse 45 visitas ao empresariado.


Catro persoas de Deza

Segundo comarca de procedencia das persoas participantes no programa, 34 persoas están empadroadas en Pontevedra; 25 proceden de concellos do Salnés; 21 de Vigo e arredores; 13 de Caldas de Reis; 7 de Tabeirós; 4 persoas participantes son do Deza; 3 son do Morrazo e 1 do Baixo Miño.

A formación levada a cabo, as orientacións, as visitas a empresas e os trazados dos itinerarios de cada unha das persoas integrantes no programa deron lugar a que se conseguiran un total de 53 insercións, o 49% das persoas participantes.


Arranca o no 2017

COGAMI inicia este programa de emprego no ano 2017 co fin de mellorar a

empregabilidade das persoas con discapacidade. Nesta traxectoria, este programa atendeu a día de hoxe a un total de 558 persoas, das que 496 se formaron nalgún dos 37 cursos impartidos.


De todas estas persoas que pasaron polo programa Máis Emprego durante estes seis anos, conseguiron inserirse laboralmente un total de 302 persoas, sendo 149 mulleres e 153 homes, contando cunha porcentaxe de inserción que supera o 54%.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page