A mestra Socorro Cea completa o estudo sobre a presenza do galego nos cemiterios de Melide
- Laura Moure

- hace 5 días
- 3 Min. de lectura
Contabilizou un total de 3.004 propiedades funerarias, distribuídas en 30 cemiterios, e
observou que son xa 169 familias as que colocaron inscricións en lingua galega
Laura Moure/Melide
A melidense Socorro Cea realizou o traballo de campo nos 30 cemiterios e o posterior estudo do patrimonio textual das 26 parroquias do termo municipal para determinar o uso da nosa lingua nos campasancos.

A iniciativa de educación social Palabra e Memoria, que estuda o patrimonio documental dos cemiterios galegos, acaba de dar a coñecer os primeiros resultados: contrariamente ao que "a priori" se pensaba, nos camposantos dos 313 concellos de Galicia existen modelos de inscricións funerarias en lingua galega. A análise é xa completa en 16 termos municipais (6 na Coruña; 5 en Lugo; 4 en Pontevedra; e 1 en Ourense). Na provincia da Coruña, o primeiro traballo de campo sistemático -con todos os parámetros esixidos- foi realizado polo profesor Jerónimo Martínez, que visualizou os panteóns de 2905 familias e rexistrou un 1'6% de uso da lingua galega para a lembranza das persoas falecidas.
Posteriormente, outras persoas fixeron o mesmo en Cerdido (4'17%), Vilarmaior (0'96%), Miño (0'65%) e Laxe (5'5%)
En Melide, o sexto concello da provincia da Coruña co censo xa completo, a mestra e investigadora local Socorro Cea contabilizou un total de 3004 propiedades funerarias, distribuídas en 30 cemiterios, e observou son xa 169 familias -5'6%, o máximo da provincia- as que colocaron inscricións en lingua galega. Segundo a docente que realizou
o traballo, o proceso iniciouse en 1981 no cemiterio do Castelo, onde na actualidade o modelo innovador é seguido por 62 das 509 familias (12%). En Furelos, no de titularidade municipal, de 500 familias optaron polo galego 26, o que representa un 5,2%; a porcentaxe é inferior no de titularidade parroquial, onde se decantaron polo noso idioma 5 das 177 familias (2,8%). Os lugares en que se supera a media son o Barreiro (10%), Maceda (9%), As Cazallas (8'5%) e San Salvador e San Cosme de Abeancos (6'5%). Pola súa parte, as porcentaxes máis baixas rexístranse en Baltar, Folladela, Santalla de Agrón e Zas de Rei (todas entre o 1 e o 2%). Nos pequenos camposantos de Orois e Pedrouzos, con 64 e 17 panteóns respectivamente, aínda non entrou o galego escrito.
PUBLICIDADE
A investigación realizada por Socorro Cea demostra que en Melide se reflicte de maneira exacta o que ocorre no resto de Galicia. Palabras tan importantes como “fillos” e “netos” nas inscricións de recordo aos familiares falecidos son cada vez máis visibles nas placas
que os recordan; e a súa recuperación “desde cero” está agora protagonizada por todos os sectores sociais. Os resultados melloran substancialmente nestes últimos dez anos (entre 2015 e 2025), en concordancia co que se aprecia no mapa elaborado polo xornalista David Canto Veiga e dado a coñecer en outubro de 2024 polo Consello da Cultura Galega.
A “selección galega de visualización”, que percorre Galicia con libreta, bolígrafo e teléfono e que recolleu datos de máis de 110.000 familias repartidas polos 313 concellos, atribúe a tendencia emerxente ao relevo xeneracional e á mellora na atención das empresas funerarias. Persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que respousan definitivamente os seus parentes (co cambio de xeración das persoas, cambia tamén a valoración e o uso do idioma) e pasan tamén a ter cargos de responsabilidade nas empresas do sector, o que facilita a superación de vellos obstáculos.
PUBLICIDADE
No conxunto das catro provincias, o uso do galego escrito en lápidas e esquelas alcanza un máximo do 37% na parroquia de Esteiro, en Muros; cifras próximas ao 30% en Castro e Outeiro de Rei; ao 20% en Rianxo. Nestes últimos anos, a media xeral pasou do 0'8% ao 4%. O proceso continúa aberto á colaboración cidadá.
En xaneiro de 2025 en ECOS DA COMARCA entrevistamos a Socorro Cea sobre este proxecto. Compartimos enlace de Facebook: https://www.facebook.com/reel/640732628427970
OUTRAS INFORMACIÓNS








Comentarios