top of page

A Matanza do Porco de Lalín inclúe recreación, representacións etnográficas, degustación, música e narración en directo

Terá lugar o domingo 21 de xaneiro na casa Golmar de Anzo


Laura Moure/Lalín

A XXIVª edición da Matanza Tradicional do Porco, organizada conxuntamente pola veciñanza de Anzo e Busto xunto co Concello de Lalín, celebrarase o vindeiro domingo, 21 de xaneiro, na casa Golmar de Anzo, a partir das 10:30 horas, nunha edición na que non ha de faltar detalle. Para este fin levan traballando nos preparativos desde hai máis de dous meses os/as veciños/as destas dúas parroquias -a primeira reunión de traballo tivo lugar o domingo 19 de novembro- a través dunha comisión organizadora conformada por representantes de ambas, e en coordinación cos concelleiros de Festas, José Cuñarro, e de zona, Marcos Mariño.

Reunión mantida pola comisión organizadora e a veciñanza o 14 de xaneiro para a distribución de tarefas.

É importante destacar a implicación plena amosada pola veciñanza destas dúas parroquias situadas na contorna do Santuario do Corpiño para organizar un evento tan identitario como é a Matanza do Porco e tamén agradecer á familia Cortizo (ao matrimonio conformado por José Luis Cortizo Vila e María Josefa Méijome Pérez e o seu fillo e nora, Rubén Cortizo Méijome e Ana Valladares González) a cesión da magnífica casa fidalga centenaria e as súas construcións anexas para levala adiante. O dito inmoble inclúe unha portada de madeira que data de 1856; palleira de 1902 onde se vai pendurar o porco; unha fonte no medio da eira; hórreo de catro claros datado en 1879; balconada de 1868; forno; unha eira enlousada de pedra; lareira, entre outros elementos singulares propios dunha casa forte de labranza das antigas da nosa contorna.


O porco será un exemplar lalaíno duns 300 quilos en vivo e algo máis dun ano de vida, semellante ao típico porco que antes se sacrificaba nas casas galegas, con propiedades óptimas de cara á salga da carne e á elaboración de chourizos que un exemplar de menor idade.


Nestes días a comisión organizadora está a pechar cos veciños de Anzo e Madriñán os derradeiros preparativos de cara ao reparto de tarefas e a recreación escenificada da Matanza na que cada un dos participantes desenvolverá unha función predeterminada con anterioridade. Nunha reunión celebrada estes días acordaron un organigrama e cronograma de tarefas, distribuídas entre eles a fin de que a Matanza se desenvolva do mellor xeito posible, esperando que a climatoloxía acompañe.


Publicidade

A veciñanza de Anzo e Busto comezará na xornada do domingo ás 9 horas xa a traballar para levar todo a bo porto. A esa hora desprazaranse ao criadeiro de Celso Toimil para transportar o porco á Casa de Golmar, onde terá lugar a Matanza Tradicional, que dará comezo a partir das 10:30 horas, e que incluirá narración en directo por parte de Manuel Vilariño e de Daniel González Alén.


Diversas representacións de carácter etnográfico

Sobre ás 11 horas comezarase co chamuscado do porco e sobre esa hora poderase visualizar unha exposición de apeiros de labranza, ademais de poder ver como se facía o pan no forno ou os utensilios de cociña que se empregaban antigamente. Tamén poderemos ver á veciñanza xogando ás cartas, calcetando ou cosendo (nunha máquina antiga) ou planchando (tamén nun aparello antigo).


Outra das novidades é que se poderá ver (sobre ás 11:30 horas, aproximadamente) unha representación da chegada dunha emigrante procedente de Bos Aires que se atopará coa grata sorpresa de poder ver unha Matanza Tradicional entre tantos veciños/as, ademais de participar nalgún que noutro desvelo.


Tras o chamusque, tocará lavar e abrir o porco e desenfiar as tripas e tamén pesalo. Haberá tamén ao mesmo tempo (sobre 12:45 horas, aproximadamente) a representación de como se afiaban antigamente as gadañas para poder segar mellor a herba, que servía de alimento aos distintos animais que había nas casas. Tamén se mostrará unha figuración das moitas tabernas que houbo no rural da nosa zona e ata a representación dun antigo escribán, con documentos antigos.


Publicidade

Sobre ás 13 horas poderase ver como se preparaba a carne para facer os chourizos e ás 13:30 horas está prevista a representación da escarocha do millo. Sobre ás 14 horas prevese a salga do porco, e posteriormente, e como aliciente, terá lugar a representación dunha regueifa da torna da auga, moi representativa de antigas liortas entre veciños, que encerrará algunha que outro atractivo máis.


De seguido terá lugar a degustación de produtos do porco, ademais de sobremesas caseiras, que terán lugar na carpa situada na parte posterior do inmoble, xunto coas actuacións musicais que correrá a cargo da Carballeira de Cercio durante o proceso da Matanza e durante a tarde amenizada polo Trío 3.com


Publicidade

Tamén está todo disposto e preparado para facilitar desde primeira hora da mañá o aparcadoiro ao lado de enriba da estrada provincial EP-6005 Prado-Bodaño, onde hai varias fincas próximas á casa de Golmar, xa que estará prohibido aparcar nas inmediacións do inmoble onde se vai  levar todo o proceso de recreación da Matanza.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page