top of page

A liquidación das contas de Silleda de 2020 arroxa un superávit de máis de 1,3 millóns de euros

No pleno de mañá darase conta da liquidación do exercicio anterior, que segue na liña dos últimos anos


Laura Moure/Silleda

A Corporación Municipal de Silleda celebrará mañá xoves, ás 11:00 horas, o pleno ordinario cunha extensa orde do día, na que figuran máis de 20 puntos. Ademais das bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións e clubs deportivos, as que regularán as axudas do programa de apoio á creación de emprego, ou a rebaixa da taxa da Escola de Música ao 50% cando as clases teñan que ser telemáticas, tamén se abordarán distintas cuestións económicas.


Así, na sesión darase conta da liquidación das contas municipais de 2020, cun resultado "moi satisfactorio na liña dos últimos anos". Así, a liquidación arroxa un superávit na contabilidade de 1.361.127 euros, mentres o remanente de tesoureiría, (magnitude que mide a solvencia económica da entidade tendo en conta distintos baremos), alcanza a cantidade de 1.646.496 euros. "Cúmprese así mesmo, como reflexa o informe de Intervención, co principio de estabilidade orzamentaria e ca regra de gasto". O resultado orzamentario (direfenza entre ingresos e gastos do exercicio) sitúase en 947.599 euros.

“Estes bos resultados económicos que vimos colleitando nos últimos exercicios, deixando atrás as épocas dos saldos negativos, permitirán que abandonemos xa este ano o Plan de Axuste ao que se viu avocado o Concello dende o ano 2012”, explica o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña.


Así, dos dous préstamos solicitados entón do Plan de Pago a Proveedores só resta un por pagar, que se liquidará este ano ca cantidade consignada no orzamento máis outros 210.000 euros con cargo aos remanentes, operación que se inclúe na orde do día do pleno de mañá. “Esta operación para acabar con ese crédito que está aínda pendente, logo de pechar o outro o pasado ano, suporá unha importantísima reducción da débeda municipal”, engade Cuiña.


No ámbito económico tamén figura unha modificación de crédito por valor de 73.904 euros para abonar facturas pendentes do ano pasado (Sogama e outras de electricidade), e unha subvención de 10.000 euros ao CPR María Inmaculada, de xeito excepcional, polos efectos económicos derivados da crise da Covid 19.


Nova ordenanza para protexer os camiños

Entre os asuntos a tratar figura tamén a colaboración e delegación no ORAL da instrucción de multas, ou as bases para a provisión do posto de traballo de Intervención. Así mesmo, debatirase a aprobación inicial dunha nova ordenanza : a de protección e consevación dos camiños e vías públicas municipais en relación cas operación de saca de madeira. "O goberno municipal levaba tempo traballando nesta nova normativa, que estivo exposta nas últimas semanas, para regular as condicións nas que se realizan os traballos forestais, que en moitas ocasións afectan ao viario municipal".


A ordenanza, que velará pola conservación dos camiños, establece que para os traballos de obtención de madeira de tala, as empresas madeireiras deberán de realizar unha comunicación previa ao Concello de Silleda, presentando unha serie de documentación. Será obrigatorio, antes da comunicación previa, depositar un aval (que variá en función das toneladas de madeira a retirar), así como sinalizar os viais, limpar retirar ou eliminar residuos dos traballos, e deixar o viario público nas mesmas condicións que antes da execución das talas.


A ordenanza establece tamén unha serie de sancións segundos as posibles infraccións que se cometan. “O principal obxectivo é evitar que se produzan danos, como xa ten pasado, e que as empresas madeireiras respondan antes posibles desperfectos”, engade Cuiña. Na orde do día inclúense tamén catro mocións dos distintos grupos políticos.







0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page