top of page

Uns cabalos da Invasión Francesa deron nome a unha ponte entre Lalín e Agolada

Ambos Concellos levaron a cabo unha actuación, confinanciada polo Agader, da coñecida como Ponte dos Cabalos a finais do ano pasado


Laura Moure/Deza

A Ponte dos Cabalos destaca polo seu valor monumental e paisaxístico, unindo aos Concellos de Lalín e Agolada facendo o posible o paso sobre o río Arnego. Por ela, pasaba un Camiño Real que procedente do Vento no municipio de Lalín, atravesaba o de Agolada por Ventosa e Ferreiroa, en dirección a Lugo e Compostela. Do Camiño Real recuperándose distintos tramos.


A súa construción data do ano 970, segundo podía lerse nun pretil, na actualidade perdido, pero cuxa inscrición quedou rexistrada por 'Vilariño de Moimenta'. É a única que queda das seis pontes medievais que enlazaban a comarca de Deza con Antas de Ulla.

A Ponte dos Cabalos.

Autor: Ecos da Comarca

A historia

Coñécese como a Ponte dos Cabalos ou Ponte de Parada ou Portádego, xa que antigamente o habitual era que para poder facer uso da mesma cumpría pagar unha taxa. Na marxe de Parada consérvase unha pedra, coñecida coma 'portádego' cunha acanaladura lateral que remata nun oco para meter o eixe do xiro da porta ou cancela, cuxa función sería soster o elemento que pechaba a ponte así controlar o paso.


Tamén o lugar próximo de Parada conta cun topónimo que fai alusión directa ó uso outorgado. A ponte foi escenario de numerosos episodios bélicos ao longo do século XIX, primeiro na Guerra da Independencia contra os franceses e logo dos enfrontamentos entre carlistas e isabelinos. En canto á denominación de Ponte dos Cabalos, a tradición oral mantén que nun combate da invasión francesa caeron varios cabalos aquí, que tardaron tempo en retiralos e acabaron por darlle nome á ponte.


Augas arriba, na marxe esquerda do río, hai unha pequena illa, repleta de vexetación de ribeira, á que se accede por unha vella ponte. Na mesma marxe, existen restos de antigos muíños dos veciños de Parada e Gurgueiro e na marxe dereita, o manancial de augas xofradas As Meás, noutro tempo moi estimado polos veciños da contorna.


Aquí remata o Roteiro da Ponte dos Cabalos (Roteiros de Lalín), un dos moitos percorridos a través dos cales se pode coñecer o termo municipal.


A construción

Esta é unha ponte de dous ollos compostos de arcos de medio punto. O principal, de maior tamaño (8,70 metros), e un secundario menor (4,39) e conta cunha canle nunha zona elevada no lateral agoladense. Distínguense catro tipos de sistemas construtivos en canto á forma das pezas e modo de dispoñelas. Os ollos contan con cantería ben executada e traballada; as súas zonas anexas resólvense con perpiaño, pero sen manter a ortogonalidade. O seguinte tramo dende os ollos ata o terreo en Agolada constrúense con cachotería irregular. Finalmente, no tramo sobre chan lalinense vaise transformando en cachotería ciclópea, con pedras moi irregulares de grandes dimensións.


A ponte sustenta os seus ollos sobre os laterais do leito do río, de roca granítica e arranca cunha cimentación de pezas irregulares para despois trazar os arcos en cantería ben rematada. O arco sur conservaba tres ocos en cada un dos seus laterais para albergar as cimbras necesarias para a súa construción. O parteaugas ten unha base asimétrica e de pedras irregulares e estaba en moi mal estado de conservación.


O taboleiro é dunha grande beleza e cunha anchura considerable para ser unha ponte do século X medrando lixeiramente nas embocaduras ata os case catro metros, tendo 31,40 metros de lonxitude en total. Está empedrado na súa totalidade con pezas de gran tamaño e formas variables. Contaría con pretiles en toda a lonxitude, dos que só se conservaba un, sendo un perpiaño irregular de grandes dimensións. Ademais a ponte entronca co Camiño Real a ambos lados do mesmo, conservándose o enlousado do mesmo no lateral de Lalín.


A intervención

A finais do ano 2020 levouse a cabo unha intervención dende os Concellos de Lalín e Agolada, confinanciada polo Agader, para recuperar este ben patrimonial e poñelo en valor. A actuación constou da limpeza, recuperación e sinalización do Camiño Real e dos elementos relevantes da contorna. A maior parta da actuación foi a restauración da ponte, recuperándose as pedras caídas ao río e o seu taboleiro e reconstruíndose o tallamar, logrando con todo isto devolverlle a estabilidade á estrutura. A limpeza das ribeiras axudará ó axeitado desaugue das augas da ponte evitando que a subida do nivel do río afecte á integridade da construción.


A ponte antes da intervención de 2020.

Autor: Ángel Utrera


Críticas

Ata este lugar son moitos os visitantes que se están acercando nos últimos meses e ECOS DA COMARCA tamén estivemos alí a pasada fin de semana. Para gustos, cores, pero o certo é que a actuación está tendo moitas críticas, e a maioría non boas, tal e como se poden ler a través das redes sociais. Máis dun agarda a prometida visitada guiada por parte de técnicos, arqueólogos e outros responsables ao lugar para que expliquen paso por paso os traballos que se acometeron, porque non están de acordo co resultado. Tamén son distintas as opinións dos alcaldes de ambos concellos. O lalinense José Crespo defende o proxecto mentres que o agoladés Luís Calvo non está contento coa actuación. Cabe mencionar que xa en 2017 ambos Concellos, dirixidos nese ano por Rafael Cuíña e Ramiro Varela, respectivamente, xa iniciaran os trámites para levar a cabo esta reforma.


"Isto non é unha rehabilitación, nin unha restauración, nin nada. É como borrar a historia. A diferenza entre coller e tirar a ponte e volvela facer de cero, que é o que parece que fixeron agora aí, para min, persoalmente, creo que a diferenza é pequena", apunta Ismael Reboredo, arquitecto técnico. "As pedras, tal e como estaban colocadas, deixaban ver as pegadas do que era o noso pasado, a historia do lugar e agora todo iso quedou tapado con mortero e non se respectou para nada o Patrimonio. E as escaleiras que puxeron non sei ata que punto se encadran no entorno. O mellor que lle pode pasar á ponte é que lle pase o tempo por riba para que volva recuperar a súa esencia", opina Reboredo.


As escaleiras son apropiadas?

O tema das escaleiras é unha das cuestións máis criticadas. "As escaleiras son máis un problema real ca un problema estético. Non deberían considerarse parte da obra", apunta o xeógrafo e investigador lalinense Antonio Presas. "Non se tivo en conta que, xustamente, no comezo das escaleiras (parte superior) conflúe un pequeno regato de carácter estacional, canalizado pola marxe da pista que vai a Laxosa e entubado, na parte final, polo Concello de Agolada no ano 2005-2006,cando transformaron o Camiño Real en pista. Este regato leva auga cando hai abundantes choivas e ocasiona dous problemas nas escaleiras: Por un lado, cando fai moito frío, a auga que baixa polas escaleiras conxélase e imposibilita o uso das mesmas e en segundo lugar, cando hai choivas moi fortes leva arrastres de pedras e areas que terminarán esparexéndose polas escaleiras adiante e converténdoas en resbaladizas. Fixeron o que fan case sempre, ir en contra da natureza", recalca Presas. "Da Ponte dos Cabalos poden dicirse moitas cousas, por exemplo, eu son o primeiro en dubidar que tivera un presuposto axeitado, porque ao comparar o desta obra, tendo en conta o que se fixo, con outras máis caras e de menos complexidade dá a impresión de que se executou cun presuposto baixo. Posiblemente, deberán pedir ampliación de presuposto, pero todo iso é algo que descoñezo", incide Presas. Cabe mencionar que a actuación tivo un presuposto duns 100.000 euros.


En moitos destes aspectos tamén coincide o agoladés Ángel Utrera, un gran defensor do Patrimonio. "Na miña opinión persoal, unha cousa é realizar unha rehabilitación e uns traballos de recuperación e outra facer unha reconstrución e adaptala á situación actual. Os traballos desenvolvidos na ponte foron desafortunados. É un completo defesio, no que nin se integraron, nin se tiveron en consideración o valor paisaxístico e o medio natural no que a ponte sempre estivo". Utrera tampouco está de acordo coas escaleiras. "As escaleiras destrozan visualmente a ponte e teñen un impacto tremendo. As marxes do río foron seriamente afectadas, con talas e movementos de terra e o peitoril en absoluto se tivo en conta como debeu de ser, tan só limitáronse a poñer pedras dun xeito arbitrario e sen rigor histórico algún. Por non falar dos materiais utilizados e as técnicas empregadas, das que desgraciadamente non teño coñecementos, pero a simple vista resulta máis que elocuente que non son axeitadas e que impactan visualmente polo seu agresivo resultado. Posiblemente co paso do tempo se modere este efecto, turrón de Xixona como xa foi bautizado por alguén", sinala Utrera.


Este agoladés considera que non se respecta a historia. "Hai opinións sobradas que inciden en que o proxecto orixinal non foi respectado, pero dende logo o resultado final non é en absoluto axeitado e provoca o rexeitamento de todo o mundo, visitantes, camiñantes, admiradores desta ponte medieval, que merecía un mellor trato. Hai exemplos sobrados no noso país, como para proceder doutro xeito e realizar unha obra que resultara moito menos polémica e máis acorde co medio e a natureza na que se atopa, nun río ben fermoso e un marco incomparable... Esta é a miña opinión, como mero espectador, e admirador da historia, o Patrimonio e o noso pasado. A Ponte dos Cabalos merecía un mellor trato, non tan degradante, tan agresivo e tan sumamente artificial, como o que finalmente nos deixan", lamenta Utrera.


Algo curioso que puidemos apreciar na nosa visita é que unha muller que se atopaba vendo a ponte dirixiuse a nós e díxonos: "está bonita, pero isto cando estea terminado quedará preciosa", crendo que a actuación aínda estaba sen finalizar.


Pero ante todo, e como dixen liñas máis arriba, para gustos, cores!







0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page