top of page

A igrexa do mosteiro de San Antolín de Toques perdura no tempo

Laura Moure/IsmaelRS/Toques

Co paso do tempo e trala reforma monacal protexida polos Reis Católicos, o mosteiro de San Antolín de Toques quedou anexionado como priorato ao de San Martín Pinario en Santiago, a quen pasaron os 73 lugares que correspondía o seu extenso couto, á parte dos dereitos de nomear xuíz e percibir a vasalaxe e tributos dos habitantes dos seus territorios xurisdicionais.


Despois desta unión, o número de monxes quedou moi mermado ata que só quedou á fronte da feligresía un prior, que dependía do abade de San Martín, e dous ou tres monxes máis para administrar os bens do priorato.


Unha fábrica de arame

No partido xudicial de Arzúa no concello de San Antolín de Toques, feligresía de Santa María da Capela, perdura a igrexa da que foi o mosteiro benedictino e priorato de San Antolín de Toques. A primeira proba documental do mosteiro é do ano 1.067. Coa exclaustración o mosteiro quedou abandonado, aproveitándose o edificio e os terreos lindeiros para unha fábrica de arame movida pola forza da auga que por alí pasa.


En pé, na actualidade, soamente queda a igrexa cuxo valor artístico, tantos anos ignorado, é extraordinario. O templo é dunha nave, en parte reedificada, e unha ábsida rectangular. Agás a fachada e a parte dianteira da nave, que son posteriores, o resto é de estilo prerrománico. No muro meridional ábrese unha porta de sinxelo arco semicircular, e sobre ela, dúas fiestras e unha seteira.


Conserva gran parte de traza e estrutura primitiva, supoñéndose a súa obra da segunda metade do século X ou principios do XI. Primeiramente, chama a atención a estrutura dos seus muros con material moi frecuente nas igrexas do século X, así como a cornixa do testero da ábsida ornamentada con dentes de serra coa particularidade de que en San Antolín de Toques os dentes de serra son de ladrillo. Completan a ornamentación da cornixa unhas peculiares rosetas que lembran motivos ornamentais visigóticos.


A igrexa é dunha soa nave cuberta con teito de madeira e no encabezamento, está unha capela rectangular con bóveda de canón peraltado. O arco de ingreso á capela é semicircular, descansando sobre capiteis que carecen de ábaco e de colariño e que están ornamentados con círculos, torbellinos e figuras xeométricas, correntes nos lóbulos dos modillones mozárabes.


Nos muros hai unhas pequenas fiestras abocinadas semicirculares, con arcos de medio punto, similares aos que sosteñen a cornixa do tellado e ao dunha das portas laterais, a única que se conserva de traza primitiva, xa que a portada principal foi substituída pola sinxela e moderna actual.

Máis fotos:


*Fonte: Panel informativo que aparece ao carón deste enclave.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page