"Tiven a sorte de que o meu produto chegase a mans de auténticos especialistas gastronómicos como é Manuel Garea, que soubo apreciar a calidade dos ovos"

Adrián Taboada García cunha das súas galiñas
Entrevista a Adrián Taboada García, responsable da empresa Castro Serantes, de Santiso
Laura Moure/Santiso
Cando arrancas un proxecto a tarefa non é doada, pero cando invistes toda a túa enerxía e máis, todo ten que saír ben. Adrián Taboada, veciño de Visantoña no concello de Santiso, decidiu emprender e darlle forma ao seu negocio Castro Serantes e ademais en pleno inicio da pandemia, pero os seus ovos de galiñas en liberdade xa están na mesa de moitos e deleitando os padais máis exquisitos.
1. Como e cando xorde Castro Serantes?
A idea vén dende a miña infancia dos valores que me foi inculcando a miña familia, especialmente miña avoa, aínda que cada un dos meus familiares me aportou un gran de area. O proxecto na miña mente xestouse xa hai uns 10 anos e puxémonos mans á obra. Por fin o 23 de abril de 2020, en plena pandemia, sae o primeiro ovo de Castro Serantes. E o meu soño fíxose realidade.
2. Onde está concretamente?
Sitúase na Zarra da parroquia de Serantes, no concello de Santiso. Topándose na natureza máis virxe e respectando a ecoloxía da zona.
3. Cantas galiñas ten?
Na actualidade conto con 3.000 galiñas Lohmann Brown, vamos a típica galiña que hai en todas as casas da aldea.
4. Supoño que ten unha finca moi extensa.
A finca mide aproximadamente 1,5 hectáreas, uns 15.000 metros cadrados, superando a extensión que indica a lei para garantir que as galiñas dispoñan da máxima comodidade e liberdade, facendo para elas un sitio máis acolledor.
5. Como é a alimentación?
É moi variada, a base de cereais (millo, trigo...) e fariñas vexetais (soia, xirasol, chícharos...) complementada con todo o que elas poidan picar fóra na súa liberdade.
6. Como é o día a día do traballo?
É axitado. Mentres elas se encargan de poñer os ovos cando espertan, eu arranco na miña furgoneta a facer o reparto dos ovos recollidos o día anterior. Cando chego do reparto e logo de xantar, marcho para o galiñeiro. O primeiro que fago é asegurarme que todas se topan ben. Unha vez feito isto, proporciónaselles alimento e tamén se lles deixa que desfruten da súa liberdade ó aire libre. Mentres elas rascan e pican na terra encárgome de recoller e preparar os ovos para o día seguinte. Ben entrada á tardiña e antes de partires a descansar péchanse as portas e asegúrome de que todo queda en orde.
7. Cales son as vantaxes e os inconvenientes de lanzar un proxecto no rural?
(Risas) As vantaxes é a posibilidade de desfrutar da natureza máis pura e garantir que as galiñas se poidan criar en liberdade e alimentarse de produtos que elas mesmas pacen. E desfrutar dos pequenos praceres e momentos máxicos que che pode dar a natureza. Mentres que os inconvenientes son o acceso máis complexo, dificultade de obter enerxía (isto fixo que optase por instalar un sistema de enerxía solar) ou ao estar lonxe de núcleos de poboación grandes a necesidade de desprazarse para colocar o produto. E o traballo no campo é moi duro, os animais requiren atención todos os días.
8. Como e onde comercializa os ovos?
Para poder comercializar o produto o primeiro é buscar onde levalo. Polo tanto, o primeiro paso foi acudir a tendas de alimentación (froiterías, panaderías, supermercados) restaurantes, hoteis...e presentar e dar a coñecer o meu produto os encargados deses comercios. Unha vez que aceptan pór a venta ou empregar o meu produto propoño dúas formas de comercializalo: a granel ou en estoxo, intentando apoiar sempre ás persoas que decidiron optar polo este produto aumentando así a familia de Castro Serantes.
9. Vexo que a resposta está sendo boa e incluso, no programa Come a Comarca da Televisión de Galicia, empregaron os ovos de Castro Serantes para cociñar.
Si, a verdade tiven a sorte de que o meu produto chegase a mans de auténticos especialistas gastronómicos como é Manuel Garea. Garea soubo apreciar a calidade dos ovos das galiñas criadas en liberdade e cunha alimentación natural ó 100% e isto abriume as portas a que os meus ovos se empregasen en Come a Comarca, onde Gerson Iglesias tamén apreciou a súa calidade e decidiron apoialos coma os ovos do programa.

Os pais de Adrián Taboada rodeados de galiñas.
Comments