"Desde moi pequena sempre sentín unha conexión especial cos animais, xa sempre xogaba a ser veterinaria. E pouco a pouco fun adentrándome no mundo", sinala
Laura Moure/Melide
O Instituto de la Juventud de España (INJUVE), dependente do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, premiou as dúas candidaturas presentadas por Cooperativas Agro-alimentarias de España á convocatoria 2023 dos Premios Nacionais de Mocidade. Estes Premios teñen a finalidade de estimular e recoñecer a traxectoria e o esforzo de mozos que poñen de manifesto o seu compromiso en distintos ámbitos da sociedade. A melidense Lucía Casal Vázquez obtivo o Premio Nacional de Mocidade 2023 na categoría de Medio Ambiente por defender e promover un modelo de produción sostible medioambientalmente.
Esta moza gandeira galega, de 19 anos, apostou por quedar no medio rural, dedicándose á produción de vacún de carne. Ela está orgullosa de ser gandeira e defende con paixón o campo, aplicando un enfoque de sustentabilidade ambiental na súa explotación gandeira. Ese sentimento impulsoulle ademais a mostrar o seu traballo en redes sociais, sobre todo en Tik-Tok, para tentar sensibilizar e concienciar a outras persoas mozas sobre o respecto, a protección e conservación do medio ambiente e o benestar animal. Casal ten no Carballal, en Santa María de Melide unha pequena granxa familiar de vacún de carne en semi-extensivo, un modelo de explotación que axuda a conservar a paisaxe, a facer un uso responsable da auga e a preservar diferentes especies endémicas, de fauna e flora.
Para Lucía, conservar o medio ambiente e poder ter aos seus animais cun alto grao de benestar son dous obxectivos totalmente compatibles. Por unha banda, non altera os ciclos naturais e, por outro, elimina o estrés nos animais e dáselles unha vida máis natural e saudable. Desde a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, AGACA, á que pertence, destacan o entusiasmo e a iniciativa desta moza en todos os sentidos, demostrando que no rural hai futuro e, sobre todo, poñendo de manifesto todos os beneficios que ten coidar do noso medio ambiente.
En ECOS DA COMARCA falamos hoxe con ela.
1. Que significa para ti este premio?
Un orgullo e unha honra xa que todo esforzo vese recompensado. Para min foi especial pola representación que ofrecín das novas xeracións, dos novos sistemas e da conservación do medio ambiente.
2. Foi a primeira vez que te presentaches?
Si, foi unha casualidade, xa que Cooperativas Agro-Alimentarias de España e AGACA déronme a posibilidade de poder participar nesta convocatoria e síntome agradecida porque depositaron a súa confianza en min. Cabe destacar que todo isto fíxeno na miña estancia en Irlanda, onde estiven de Erasmus dous meses. Era un traballo duro e as horas libres do día eran poucas, pero gracias a axuda destas asociacións fun capaz de poder presentar a candidatura.
Publicidade
3. Ganaches na categoría de Medio Ambiente por defender e promover un modelo de produción sostible medioambientalmente. En que consiste este modelo?
Este modelo consiste en conservar o Medio Ambiente dunha maneira rústica e intentando danar o mínimo posible este medio, para eso tamén fixen fincapé na redución moi grande dos fertilizantes, e dunha gandaría extensiva, onde nos axuda a reducir os incendios, que tantos danos provocan en Galicia. Por outra banda, dinlle moita importancia a un bo benestar animal, xa que todo vai en conxunto.
4. Dende sempre quixeches ser gandeira?
Si, eu nacín no medio de dous sectores, o sector gandeiro e o sector comercial. Desde moi pequena sempre sentín unha conexión especial cos animais, xa sempre xogaba a ser veterinaria. E pouco a pouco fun adentrándome no mundo, sempre con moita paixón, a pesar de ter moitas faltas de respecto no instituto e ser “mirada” mal por andar cas vacas, unha situación que me fixo máis forte.
5. Cales son os pros e os contras da profesión dun gandeiro?
É unha pregunta que pode ter varias opinións, pero no meu caso, cunha boa organización pódese facer mais levadeiro. Por eso falamos dunha gandaría en extensivo onde os animais están libres as 24 horas do día acompañadas das súas crías e con iso facilitamos un maior benestar animal e un mellor manexo para os gandeiros. Está claro que non sempre se pode facer así, como por exemplo dunha gandería de leite, as horas son maiores pero si que é un traballo que para ser máis descansado basase moito na organización.
6. Cales son as vosas principais reivindicacións (as dos gandeiros)?
A principal reivindicación é unha mellor estabilidade duns precios de venta dos nosos produtos, para así poder ofrecer mellores condicións, tanto aos nosos animais como aos empregados.
7. Que lles dirías a esas persoas, que consideran que no rural non hai futuro.
Que no rural hai futuro, pero está nas nosas mans. Os cambios, as reivindicacións e a forza para un rural sostible e bo e está nas novas xeracións, xa que os nosos antepasados teñen un camiño moi longo e moi difícil xa andado e se eles puideron, nós ca vida que levamos actualmente, de tecnoloxía e as facilidades que temos tamén. Gústame ser positiva, pero eu creo que hoxe en día no rural hai máis futuro que nunca, porque estamos ante unha España vaciada, e neste ambiente formamos un sector primario que é esencial.
Comments