A Festa da Familia Papaventos reuníu na Madalena a pequenos e maiores
A quinta edición da celebración do Pino combinou obradoiros, xogos cooperativos e propostas escénicas para todos os públicos
Laura Moure/O Pino
A área recreativa da Madalena acolleu este sábado a quinta edición da Festa da Familia Papaventos, unha xornada na que nenas, nenos e persoas adultas compartiron unha tarde de convivencia arredor dos xogos, dos obradoiros e das artes escénicas.

O bo tempo acompañou unha celebración marcada pola participación da cativada e polo
ambiente familiar. Desde as 16:00 horas desenvolvéronse diferentes obradoiros e xogos
cooperativos que favoreceron a interacción entre as persoas asistentes e o traballo en
equipo.
Os espectáculos tiveron un papel destacado nesta quinta edición. Dani García abriu a
programación escénica con Flash, unha función de maxia e ilusionismo na que a participación e a complicidade co público estiveron presentes desde o primeiro momento.
PUBLICIDADE
A tarde continuou con Charlatán Rodríguez, da compañía Rendos Pequeno. A música, a
retranca e a comedia acompañaron as ocorrencias deste singular vendedor de remedios, que fixo partícipes da representación a pequenos e maiores.
Inventi Teatro pechou a programación con Tachán!, unha proposta para todos os públicos na que o teatro, o circo e a maxia se mesturaron para contar a historia de dous personaxes
decididos a probar sorte no mundo do espectáculo.
A xornada contou coa presenza da concelleira Eva Varela, dos concelleiros Borja Castro e
José Manuel Carreira e da técnica de Cultura Ana Vigo, que acompañaron as familias
durante a celebración.
PUBLICIDADE
A quinta edición da Festa da Familia Papaventos volveu converter a área recreativa da
Madalena nun espazo de encontro interxeracional no que compartir xogos, cultura e lecer
ao aire libre.
O Concello do Pino agradece a participación das familias, a implicación dos artistas e o
traballo de todas as persoas que colaboraron no desenvolvemento da xornada. A V Festa da Familia Papaventos foi organizada polo Concello do Pino coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.









Comentarios