top of page

A Festa da Empanada de Bandeira e Xonix Récords lanzan un concurso de apoio a grupos musicais

A inscrición será do 14 de abril ao 31 de maio e os gañadores gravarán tres temas nos estudios de Xonix Récords e poderán actuar no Esmorga Folk e no Bandeirock


Laura Moure/Silleda

A Festa da Empanada de Bandeira e o selo discográfico Xonix Récords presentaron na vila de Bandeira (Silleda) a primeira edición do concurso “O Son da Empanada” co obxectivo de apoiar e impulsar a grupos musicais que están a comezar a súa carreira ou que precisan dunha maior visibilidade tras dous anos dunha pandemia que danaron fortemente o sector cultural. As bases do concurso están publicadas nas redes sociais da Festa da Empanada e de Xonix Récords, aínda que poderán tamén solicitarse no seguinte enderezo electrónico: osondaempanada@gmail.com

Lolo Arincón (Xonix Récords), no centro, xunto a Andrés Seoane e outros integrantes da Asociación Amigos da Empanada no Auditorio Manuel Dopazo de Bandeira.

Poderán participar no concurso, grupos musicais procedentes de calquera lugar, de dous ou máis compoñentes, e terán dúas categorías para facelo:

  • Categoría Bandeirock, no que entran os xéneros Rock, Metal, Punk, etc.

  • Categoría Esmorga Folk, no que se requiren grupos de música Folk, non exclusivamente galega.

Os grupos interesados en participar deberán presentar a documentación esixida polas bases dende o 14 de abril ao 31 de maio (ambos incluídos), e deberán enviar un ou varios temas do grupo ao correo “osondaempanada@gmail.com” en formato mp3, pero tamén valerán vídeos feitos con móbil, gravacións, etc. co propósito de facilitar a participación dos grupos.

Do 1 ao 7 de xuño, terá lugar a primeira fase, onde un xurado composto por profesionais do sector musical, realizará unha selección entre todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios de calidade artística, orixinalidade, interpretación, etc. Na primeira fase o xurado seleccionará, de entre todos os traballos presentados, un máximo de 5 grupos por cada categoría e un mínimo de 3. A segunda fase transcorrerá do 8 ao 30 de xuño, momento no que os traballos seleccionados polo xurado profesional serán obxecto dunha votación popular nas redes sociais da Festa da Empanada de Bandeira, determinando os grupos musicais gañadores (un en cada categoría).


O premio en cada categoría constará de:

  • A gravación e produción de tres temas nos estudios profesionais da discográfica Xonix Récords, e a difusión dos mesmos en máis de cen plataformas dixitais.

  • A actuación nos Festivais da Empanada no ano 2022. A actuación do gañador na Categoría Bandeirock o xoves 18 de agosto e a actuación do gañador da Categoría Esmorga Folk será o venres 19 de agosto.

Xonix Récords ten os seus estudios en pleno rural, concretamente en Bazar (parroquia de Abades) e ademais de selo discográfico, funciona tamén como editorial musical, literaria, unha produtora audiovisual e unha axencia de management. Andrés Seoane, presidente da Asociación Amigos da Empanada, agradece “a implicación e compromiso de Xonix Récords coa Festa da Empanada, posibilitando a realización deste tipo de iniciativas que outorgan unha gran visibilidade aos nosos festivais”.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page