Así a XLVIII Festa da Empanada do 2024 terá lugar do 21 ao 25 dese mes
Laura Moure/Silleda
A Asemblea de Socios da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira pon punto e final ao eterno debate das datas de celebración da cita gastronómica tras un acordo unánime. A XLVIII Festa da Empanada do 2024 terá lugar do 21 ao 25 de agosto.
O debate estaba servido. O Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira acolleu este luns unha concorrida Asemblea Extraordinaria de Socios da Asociación Amigos da Empanada. A actual Xunta Directiva da entidade cultural decidiu someter a debate de todas as persoas asociadas a data da vindeira edición da Festa da Empanada e ademais buscar unha solución definitiva ao problema do baile de datas que se produce cada certo tempo en relación coa fixación no calendario da cita gastronómica. É importante destacar que a Empanada é o evento capital da vila da Bandeira, e tamén do municipio, provocando que moitas persoas da contorna elixan o seu período de vacacións en función desta celebración ou que o Concello de Silleda fixe de xeito histórico un dos festivos locais coincidindo coa mesma. En consecuencia, a importancia desta reunión era máxima, provocando unha gran expectación na veciñanza a decisión final que saíse do encontro.
"Comecemos polo principio. A Festa da Empanada nace no ano 1974 coma unha merenda que reuniu a unhas decenas de amigos e amigas nunha carballeira da vila da Bandeira ao son da música tradicional e rendendo homenaxe a un dos produtos máis significativos da nosa gastronomía, e empanada. O certo é que esta primeira festividade comezou nun venres do mes de agosto e así se mantivo ata que no ano 1981 se decidiu trasladar o evento ao sábado, xa co formato da cea de peñas que chega ata os nosos días. A pesar de que ese sábado do ano 1981 era o cuarto do mes de agosto, a organización estableceu como mantra que a Festa da Empanada debía celebrarse o terceiro sábado de agosto, algo que se aplicou con normalidade ata que no 1986, unha vez máis, decidiuse trasladar ao cuarto sábado do mes de agosto".
Publicidade
"Entón é o terceiro ou o cuarto sábado? Polo que sabemos, se ben a idea era que a Festa da Empanada se celebrase de xeito habitual no terceiro sábado do mes de agosto, cando o día 15 (festivo a nivel nacional) coincidise durante a celebración das propias festas, é dicir, no venres do Esmorga Folk ou no sábado da Festa da Empanada, esta debería moverse ao cuarto sábado de agosto. Así sucedeu con carácter xeral no 1987, 1992, 1998, 2003, 2008, 2009, 2014 e 2015. Dicimos con carácter xeral xa que non se trasladou ao cuarto, a pesar de darse esta situación, no ano 1997".
E que ocorre cando o festivo do día 15 cae no xoves?
"Revisando na hemeroteca da propia festa, cando o festivo do día 15 caía nun xoves, a Festa da Empanada non se trasladaba ao cuarto sábado de agosto. Isto foi así ata que no ano 2019 os socios e socias decidiron nunha asemblea trasladalo ao cuarto sábado xa que o propio xoves agora tamén era unha xornada incluída nas propias festas. O certo é que vila da Bandeira foi ampliando os seus días de festexos a un total de cinco na actualidade, é dicir, de mércores a domingo. Por este motivo, ábrese o debate de que se debería facer cando este festivo afecta aos propios días das festas: debería celebrarse no terceiro ou no cuarto sábado? A isto súmase a necesidade de adoptar unha postura que simplifique o relato e que facilite á poboación e a todas as persoas visitantes saber de xeito doado cal é a data de celebración da Festa da Empanada. Por este motivo, tras o debate chegou o acordo, o pleno acordo, xa que todas as persoas asociadas fixaron unha postura unánime".
Publicidade
Cambio de estatutos
Os socios e socias de Amigos da Empanada decidiron cambiar os estatutos da entidade, que ata agora recollían como data de celebración o terceiro sábado de agosto, para especificar que a cita gastronómica terá lugar o penúltimo sábado de agosto. Con esta decisión, elimínase calquera dúbida ou debate ao respecto xa que nun mes de agosto que conta con catro sábados será o terceiro, e naquel que ten cinco será o cuarto. É dicir, o penúltimo sábado de agosto será a celebración oficial da Festa da Empanada. "Por poñer un exemplo máis claro, este ano 2023 o mes de agosto tivo catro sábados (5,12,19 e 26) polo que a Festa da Empanada celebrouse o sábado 19 pero no ano 2024 agosto ten cinco sábados (3,10,17, 24 e 31) e a Festa da Empanada deberá celebrarse o 24 ao ser o penúltimo sábado. O mesmo ocorrerá nos anos 2025 e 2026, edicións que se celebrarán no cuarto sábado de agosto ao ser o penúltimo do mes".
Podedes seguir todos os detalles desta festa na súa web: https://www.festadaempanada.org/
Komentarze