Ata este municipio da Ulloa achéganse milleiros de persoas de toda Galicia cada 1 de novembro para desfrutar desta cita, declarada Feira de Interese Turístico Galego
Laura Moure/Ismael RS/Monterroso

O pasado 1 de novembro Monterroso acolleu a feira das feiras. Falamos da Feira de Santos cuxos orixes se remonta ao ano 1219. Dende séculos é unha das citas máis consolidadas e concorridas de toda Galicia. Foi no ano 2011 cando foi declarada Feira de Interese Turístico Galego e agora o Concello xa traballa para conseguir a distinción de Feira de Interese Turístico Nacional. Ata este municipio da Ulloa acércanse xente de toda Galicia para mercar os mellores produtos, xa que ata Monterroso chegan produtores de toda a comunidade. É unha boa cita para pasar en familia e amigos, ver os animais no mercando gandeiro e comer in situ onde o polbo non falta tampouco.
Publicidade
Ecos da Comarca estivemos alí e mirade o VÍDEO QUE FIXEMOS:
O conselleiro do Medio Rural, José González, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiron tamén á Feira de Santos.

Ambos conselleiros puxeron en valor a importancia da gastronomía local e o bo facer dos produtores galegos, protagonistas do evento. A feira conta con centos de postos con vendedores de produtos agroalimentarios ou maquinaria agrícola. Nos arredores desta feira senlleira estivo tamén a Oficina Móbil da Consellería do Medio Rural, prestando servizo aos veciños e facilitando trámites administrativos e técnicos.
Publicidade

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou tamén nesta cita, á que a Deputación aporta para a súa celebración unha achega de 8.000 euros a través do Plan Único. José Tomé destacou o “revulsivo económico” que supón para a provincia a celebración desta xornada, que con máis de 800 anos de historia e uns 1.000 feirantes, “é capaz de multiplicar por dez neste día o número de persoas no municipio ao recibir a milleiros de visitantes”.

O mandatario provincial, que estivo acompañado pola voceira socialista do Goberno e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e de Turismo e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, o deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e o deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, entre outras autoridades, visitou os postos dos feirantes concentrados na súa maior parte na Cúpula, epicentro da celebración, onde se poñen á venda desde produtos agrícolas, da horta, e de artesanía, ata exemplares de gando ou maquinaria agrícola. “É un gran escaparate para poñer en valor os produtos de proximidade, pero tamén para exaltar a riqueza do noso rural”, recalcou Tomé Roca.
Comments