A feira Abanca Semana Verde 2025 de Silleda será a máis internacional dos últimos 20 anos
- Laura Moure
- hace 2 días
- 2 Min. de lectura
Destaca a presenza estranxeira en alimentación e turismo
Laura Moure/Silleda
A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebrará do 5 ao 8 de xuño en Silleda, será a edición máis internacional deste certame dos últimos vinte anos, destacando a presenza de empresas, entidades e institucións estranxeiras no seu Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, e o seu Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia. Así, entre os sesenta e nove expositores directos estranxeiros participantes, case o
dobre que o ano pasado, haberá máis dunha trintena de entidades portugueses ás que se sumarán numerosas empresas e destinos de Italia, Cuba, Colombia, México, Ecuador e Estados Unidos.

A estes expositores internacionais directos sumaranse os indirectos, de 27 países, e tamén os máis de corenta operadores turísticos e compradores alimentarios estranxeiros que participarán na Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia e os Encontros de Compradores de Salimat Abanca, procedentes de Alemaña, Austria, Bulgaria, Canadá, Costa Rica, Dinamarca, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Indonesia, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Serbia, Suecia e Suíza.
Un crecemento a nivel internacional co que a feira da un salto importante en canto a presencia iberoamericana directamente na feira e co que segue dando pasos, non só como escaparate de Galicia para o mundo, senón tamén do mundo para Galicia.
Misión comercial mexicana
Na 28ª Salimat Abanca terá gran importancia a presenza expositiva dunha misión
comercial mexicana que incluirá preto dunha vintena de destacadas empresas deste
país e tamén de Colombia, organizada polo mexicano Seth Pérez e o pontevedrés Edelmiro Xusto.
Publicidade
Incluirá unha variada mostra de produtos gastronómicos que irán dende café, mezcal, refrescos, tés e zumes ata salsas artesanais, mel en panal, totopos, froitos secos ou snacks, ademais de servizos de internacionalización e investidores, permitindo coñecer de primeira man marcas, produtos e servizos iberoamericanos, especialmente de México e Colombia, que buscan abrir mercado en Europa, ademais de identificar posibles socios comerciais, xerar sinerxías e intercambiar ideas.
A súa presenza en Salimat Abanca é o eixo central dunha misión comercial que leva tamén aos seus integrantes a varios lugares da xeografía galega e portuguesa. Así, onte estiveron en Tui e Valença, onde realizaron diversas degustacións, visitas e relatorios, ademais de ser recibidos polas súas autoridades. Hoxe estarán en Pontevedra e Sanxenxo, con senllas recepcións nos seus concellos e visitas aos municipios, mentres que mañá acudirán a Santiago e serán recibidos no Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). En Compostela compartirán ademais cea cun equipo da Fundación Semana Verde de Galicia e os distribuidores e importadores alimentarios participantes este ano nos Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca.
Comments