top of page

A Deputación de Lugo comeza os traballos de roza nas estradas provinciais, entre elas na Ulloa

Laura Moure/A Ulloa

A Deputación de Lugo informa que comezaron xa os traballos de desbroce nos máis de 4.200 quilómetros de estradas provinciais, aos que destina máis de 2,5M€ nesta anualidade. Ao igual que en anteriores campañas, a institución provincial axiliza estes labores para mellorar a visibilidade e seguridade nas estradas de titularidade provincial, ademais de favorecer a prevención de incendios de cara a época estival.

O Plan de Roza da Deputación ten despregado un dispositivo con máis de 200 operarios que traballan de forma simultánea nas zonas de conservación nas que está dividida a rede viaria de titularidade da institución. Os traballos que se están a levar a cabo consisten no desbroce e limpeza xeral da maleza en ambas marxes das vías, ademais da realización das tarefas de poda de arborado para deixar libre un gálibo de 5 metros de altura en todo o ancho da vía.

Estes traballos teñen un prazo máximo de execución de dous meses, polo que entre finais de xuño e principios de xullo, prevese que a rede provincial máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia, con 4.200 quilómetros, estea nas mellores condicións para desfrute dos condutores e visitantes durante o verán, época na que se rexitra un maior número de tráfico na provincia luguesa.

As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para desenvolver os desbroces son as seguintes: - Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol. - Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz. - Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba. - Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá. - Zona 5: Mondoñedo e Abadín. - Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza. - Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte. - Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira. - Zona 9: Lugo e Guntín. - Zona 10: Castroverde e O Corgo. - Zona 11: Friol. - Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara. - Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada. - Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. - Zona 15: Becerreá e As Nogais. - Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.

- Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei. - Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria. - Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos. - Zona 20: Taboada e O Saviñao. - Zona 21: Chantada e Carballedo. - Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. - Zona 23: Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos. - Zona 24: Pantón e Sober.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page