top of page

A Deputación destinará máis de 104.000 para a construción das beirarrúas da rúa Pucho Boedo en Touro

As obras permitirán o bo funcionamento da estación depuradora e, polo tanto, evitará verquidos ao río Lañas


Laura Moure/Touro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o financiamento das obras de construción de beirarrúas na rúa Pucho Boedo, que contarán cunha achega provincial de 104.115,08 euros, o que representa un coeficiente de financiamento do 80,00% respecto dun orzamento de 130.143,85 euros.


O obxectivo fundamental das obras é mellorar a seguridade peonil e separar as redes de saneamento e pluviais desta rúa, que ven ocasionando graves problemas de funcionamento da Estación depuradora de augas residuais (EDAR), polos arrastres e exceso de caudal durante a época de chuvias de verán, que dificultan ou anulan o seu funcionamento. A obra permitirá o bo funcionamento da depuradora e, polo tanto, evitará verquidos ao río Lañas.

As obras renovarán completamente as beirarrúas existentes na marxe dereita da Rúa Pucho Boedo, no lugar de Fonte Díaz (Touro), así coma a instalación dunha nova rede de pluviais e saneamento separativa.

Procederase a demolición das beirarrúas existentes e a execución da instalación de 455 metros de tubaxe para saneamento e de 375 metros de canalizacións para pluviais. Tamén procederase ao renovado da canalización de iluminación publica. Para a rede de saneamento executarase de 14 pozos de rexistro e para a rede de pluviais dous pozos de rexistro, 11 arquetas con sumidoiro e unha arqueta para executar a conexión coa rede existente, na outra marxe da estrada AC-240.


Unha vez executadas as redes de servizos, procederase a recheo e compactación dos foxos, posterior acondicionamento da explanación, estendido de zahorra artificial para regularización e execución dos novos dados de cimentación para a instalación dos puntos de Iuz existentes e previamente retirados e acopiados. Posteriormente procederase a instalación do bordo de formigón e da beirarrúa de formigón e anchura variable. A superficie total de beirarrúa será de 556,95 metros.

A reposición do firme afectado tanto na Rúa Pucho Boedo coma na estrada AC-240 (unicamente a beiravía), executarase con 15 centímetros de formigón e 6, de aglomerado en quente. O prazo de execución das obras será de seis meses desde a súa formalización.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page