Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Deputación de Pontevedra lanza en Silleda 'Mulleres extramuros'

"É un proxecto feito por mulleres e con mulleres para transformar o rural" que arrancará a vindeira fin de semana na parroquia de Cortegada


Laura Moure/Silleda

Como “un grande proxecto, revolucionario, moi poético, participativo, de mulleres, feito por mulleres e con mulleres para transformar o rural”, cualificou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ao programa Mulleres Extramuros que vén de ser presentado en Silleda xunto ao alcalde Manuel Cuíña e Xoana Almar, coordinadora e unha das sete artistas participantes na iniciativa.


O programa, que arrancará a vindeira fin de semana en Cortegada e nace con vontade de continuar o vindeiro ano noutro núcleo da provincia, parte da convivencia e intercambio de experiencias entre mulleres artistas de recoñecida traxectoria profesional de Galicia, España e Portugal, e mulleres do rural para construír arte mural inspirada e creada única e exclusivamente para transformar esta aldea silledense.


“Vivimos un cambio moi relevante en toda Europa para que a arte urbana deixe de ter o apelido urbana, porque non é exclusiva destes espazos”, asegurou Carmela Silva na presentación do proxecto co que “imos traer á provincia este novo impulso da arte mural, transformadora, visibilizando ás mulleres e poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial”. Neste eido a presidenta detallou que o programa “vai permitir espallar o patrimonio material que son as propias aldeas, que tanto falan da nosa identidade, do que somos, da nosa historia e cultura, pero tamén o patrimonio inmaterial, as nosas historias, a historia contada por mulleres, fundamentalmente maiores, que non podemos perder”.


Farao, ademais, de xeito “participativo”, de tal modo que mulleres artistas “recoñecidísimas” da talla de Xoana Almar (O Grove), Lula Goce (Baiona), Laura Iturralde (Vigo), Basilisa Fiestras (Forcarei), Ness Morais (Silleda), Virginia Bersabé (Córdoba) e Tamara Alves (Lisboa), convivirán con veciñas de Cortegada para “intercambiar experiencias, coñecementos, vivencias, valores, que se van converter en arte para transformar a aldea. Vai deixar unha forte pegada”.

Nas mulleres tamén puxo o aceno o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, xa que “vemos as dificultades que teñen para chegar á igualdade cos homes pero, no rural, están particularmente esquecidas”. Por iso, para o alcalde, Mulleres Extramuros é “un espaldarazo ás mulleres do rural”, “un proxecto que vai gustar moito. Estamos a ver xa a implicación que hai da veciñanza”.


Pola súa banda Xoana Almar, coordinadora e unha das sete artistas de Mulleres Extramuros, ensalzou a proposta “polo feito de intervir no rural e por xuntar a sete muralistas que imos estar convivindo en Cortegada durante 10/15 días”. A artista subliñou que “non é habitual á hora de facer un mural ter tempo de documentación e este proxecto coida moito este proceso, dá marxe para falar coa xente, coñecer personaxes, historias e os espazos onde intervir artisticamente para chegar, así, á casa con novas historias e ideas”.


O proxecto de convivencia, arte e residencia

Mulleres Extramuros arrancará esta mesma fin de semana co encontro entre as artistas e a cidadanía de Cortegada para intercambiar experiencias e historias, escoitar, coñecer, observar, analizar e recoller información das mulleres da aldea. Tras esta primeira fase, tal e como detallou a presidenta, as artistas traballarán nos seus proxectos para Cortegada que serán presentados a finais de maio. Cada una creará un proxecto específico de intervención artística para o núcleo rural en función das historias e vivencias alí experimentadas.

A comezos do verán terá lugar o proceso de creación-residencia, onde novamente as artistas se desprazarán a Cortegada para realizar cadanseu proxecto artístico no pobo, inspirados e creados única e exclusivamente para o núcleo rural e que se poderán ver no mes de xullo. Finalmente, no outono presentarase un catálogo e un vídeo da actividade que ten previsto continuar, o vindeiro ano, noutro núcleo rural da provincia.


“Este non é un proxecto que nace e morre no 2022 –remarcou Carmela Silva-, este é o primeiro proxecto dun grande programa que vai chegar a moitas aldeas da provincia e para o que os concellos, o único que teñen que facer, é comprometerse a continuar con esta transformadora actividade que vai traer consigo unha enorme capacidade de atracción de persoas visitantes”.

85 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE