top of page

A Deputación da Coruña investiu máis de sete millóns de euros en Melide desde 2018

O Plan Único supuxo para Melide un investimento histórico de 5,4 millóns nos últimos anos A maior parte dos fondos destínanse a renovar e humanizar as rúas do municipio


Laura Moure/Melide

Desde o ano 2018, os distintos plans, programas e liñas de axudas da Deputación da Coruña supuxeron para Melide un investimento de máis de sete millóns de euros. O dato deuno este xoves, durante unha visita ao municipio, o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que detallou que a maior parte deses fondos (cinco millóns de euros) corresponden ao Plan Único (POS+) cos que o Concello de Melide está a acometer distintas obras para humanizar, dotar de novas beirarrúas, pavimentos e mobiliario urbano a numerosas rúas, prazas e espazos públicos do municipio, mellorando tamén a súa imaxe e servizos públicos como o saneamento e abastecemento de auga ou o alumeado.


"En Melide vemos un claro exemplo de cómo o Plan Único contribúe a mellorar as infraestruturas e vida dos cidadáns dos municipios da provincia, neste caso cunha aposta do goberno municipal para mellorar a accesibilidade, a estética e a seguridade de numerosas rúas, algunhas delas lugares estratéxicos porque forman parte do viario tradicional ou dos Camiños Francés e Primitivo, polo que proxectan a imaxe do municipio a todo o mundo a través dos centos de peregrinos que cada día as percorren na súa ruta a Santiago", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que visitou Melide para coñecer in situ algunhas das obras que o Concello está a acometer cos fondos do POS+.


"Un Plan que supuxo incrementar de 25 a case 100 millóns de euros anuais os fondos que a Deputación aporta aos concellos. Unha cantidade significativamente maior, tamén para o Concello de Melide,pero que ademáis respecta a autonomía municipal á hora de decidir e priorizar os investimentos, afirmou.


Acompañado do alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas, e do tenente de alcalde, José Antonio Prado, o presidente da Deputación visitou as obras xa completadas nas rúa Mateo Segade e nas rúas que dan acceso ao novo centro de saúde do municipio, así como as que están actualmente en execución na rúa Camiño Real, que supoñen os maior investimento de cantos financia este ano o Plan Único no municipio, con 366.562 euros.

Valentín González Formoso destacou que obras coma a reforma e posta en valor das rúas Campo Grande, San Pedro, Mateo Segade, Ourense, Doutor Emilio Pereiro ou Camiño Real son financiadas con cargo aos fondos provinciais do Plan Único, dotándoas dunha mellor ordenación do tráfico rodado e peonil, de novo mobiliario urbano e de pavimentos máis acordes co valor histórico que, en moitas ocasións, teñen estes espazos urbanos

Pola súa banda, o alcalde José Manuel Pérez Penas quixo subliñar que "algunhas destas obras deberían de estar xa rematadas pero, por neglixencia doutras administracións e gobernos anteriores, tivemos que empezalas e rematalas nós".


Reclama á Xunta que parte dos 1,5 millóns que paga Melide polo canon da auga retornen ao Concello para mellorar infraestruturas hidraúlicas

Durante a visita tamén se abordou o estado actual do proxecto para conectar a rede de saneamento do polígono industrial de A Magdalena coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do casco urbán. González Formoso comprometeu a colaboración da Deputación no financiamento deste proxecto, ben sexa a través do Plan Único, co que se levan financiado 294 obras de ciclo da auga na provincia cun investimento total de máis de 36 millóns de euros, ou se fose necesario, doutras vías.


"Apoiamos aos Concellos e non nos pechamos a nada. Depende da urxencia e das necesidades de Melide, pero teño que lembrar que se trata dunha competencia autonómica, polo que lle pedimos que polo menos o 50% do que recada a Xunta polo canon da auga, que en Melide son máis de 1,5 millóns de euros, retorne aos concellos", afirmou.


"O mundo municipal está escandalizado con esta nova práctica da Xunta de botar balóns fóra a outras administracións en cuestións que son da súa competencia. Nunca xamais o ministerio de Fomento pediu fondos á Deputación para reformar unha estrada da súa competencia, aínda que estea na provincia da Coruña, nin AENA pediu fondos para ampliar o aeroporto de Alvedro", puxo como exemplo o presidente provincial.


Pola súa parte, Pérez Penas coincidiu con González Formoso en que "cada administración debe facer o traballo que lle compete" e sostivo que "despois de vinte anos, este problema debía estar máis que rematado, pero non se fixo". O alcalde sostivo que se trata dunha "herdanza negativa que imos resolver, tomando a decisión que sexa máis convinte para o pobo de Melide"


Visita a Asetem

Para rematar a visita Valentín González Formoso achegouse ata a sede de ASETEM, a asociación de empresarios da terra de Melide, onde coñeceu a súa estrutura, da que forman parte empresas e autónomos de diferentes sectores, desde a gandería ata a construción, pasando polo sector servizos e hostaleiro e que, desde o ano 2005, funciona como centro comercial aberto.


Entre outras cuestións, alí explicou que 116 autónomos e microempresas da localidade están recibindo as axudas do prrimero plan PEL- REACTIVA para apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia e que 23 negocios de hostalaría, hospedaxe e axencias de viaxe cobraron xa as axudas do REACTIVA 2, específico para estes sectores, cuxo prazo de solicitudes está aínda aberto ata o vindeiro día 15 de xuño.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page