A Deputación concédelle a Agolada 3.272 euros para a sinalización da Ponte dos Cabalos
O Concello colocará dez sinais dende o casco urbano ata o lugar deste atractivo turístico
Ecos da Comarca/Agolada
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, na sesión do 10 de decembro, aprobou a concesión de subvencións para a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos e a rehabilitación e sinalización do Patrimonio histórico-cultural dirixidos aos concellos da provincia. O Concello de Agolada recibiu 3.272 euros para a Liña B, en concreto para a sinalización da Ponte dos Cabalos, situada na parroquia de Gurgueiro.
Con esta contía o Concello de Agolada levará a cabo nos vindeiros meses un proxecto que
consiste na colocación de carteis con 10 postes de sinalización para informar da ubicación
desta ponte e instalaranse dende o casco urbano de Agolada. Cabe mencionar que esta ponteestá situada entre os concellos de Agolada e Lalín e foi reformada no ano 2020.
Serán sinais informativas de confirmación e orientación, en madeira de pino tratado de
autoclave, nivel IV e impresa ou gravada baixo releve. En concreto, serán frechas de 70x15x4,5 centímetros sobre poste cilíndrico de dez centímetros e tamén de pino tratado.

Dende o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta con estas dúas liñas de subvencións
dirixidas aos concellos da provincia para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico- cultural e a memoria histórica, co obxectivo de dar valor á riqueza patrimonial do territorio mediante a súa recuperación e mellora.
O equipo de goberno do PAYJ tamén aposta pola promoción dos atractivos turísticos e o
alcalde do municipio, Luis Calvo, é consciente de que os distintos puntos de interese teñen que ter unha correcta sinalización para que os visitantes poidan acceder aos lugares sen problemas.