A Deputación abona a inscrición dun congreso a 16 traballadoras sociais, entre elas á agoladesa
- Laura Moure
- 7 abr 2022
- 2 Min. de lectura
Trátase do Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría que terá lugar os días 29 e 30 no Pazo da Cultura de Pontevedra
Laura Moure/Agolada
A traballadora social do Concello de Agolada, Laura Reboredo, asistirá este mes ao 32 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que terá lugar os días 29 e 30 no Pazo da Cultura de Pontevedra. A Deputación de Pontevedra subvenciona o 100% da inscrición para un total de 16 traballadoras/es sociais dos concellos de menos de 3.000 habitantes, entre os que se atopa o Concello de Agolada. Isto supón unha achega duns 200 euros por asistente, que é o prezo da matrícula.

Trátase dun congreso internacional e anual que neste 2022 versará sobre o edadismo e os principios éticos. Así mesmo é unha gran oportunidade de atoparse con expertos nacionais e internacionais na atención a maiores e debater sobre o futuro deste sector, actualmente en constante cambio e evolución. Este está organizado pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que ten como principal obxectivo a mellora da calidade de vida das persoas maiores galegas, algo que é prioridade para o Concello de Agolada.
“É unha iniciativa moi boa e máis para os municipios de menos de 3.000 habitantes que contan cunha porcentaxe elevada de poboación envellecida”, recalca Reboredo
“Tiña xa coñecemento da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría porque o seu presidente, Miguel Ángel Vázquez, foi o meu profesor na facultade e despois, no Máster de Xerontoloxía Social puiden coñecer máis desta sociedade que é de gran referencia e que se ten moito en conta no sector da Terceira Idade”, recalca Laura Reboredo, quen agradece á Deputación esta oportunidade. “É unha iniciativa moi boa e sobre todo para os municipios de menos de 3.000 habitantes que contan cunha porcentaxe elevada de poboación envellecida. Ademais, estes congresos poñen en valor o noso traballo como figuras importantes para o sector da Terceira Idade”, subliña a traballadora social de Agolada.
Kommentare