O 012 estará operativo para este servizo tamén ese día da semana dende o 15 de xullo ata mediados de setembro e ademais, amplíase o horario
Ecos da Comarca/Xeral
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixeron hoxe balance do programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina acordado entre a Xunta e os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Nun encontro con representantes da empresa pública Seaga, da central de chamadas do 012 e do 112 Galicia lembraron que, como cada verán, reforzarase desde o 15 de xullo ata mediados de setembro a liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para atender os avisos de niños de velutina coincidindo coa época de maior proliferación desta especie.
Así, esténdese a cobertura a todos os días da semana en horario entre as 8:00 e as 20:00 horas, mentres que o resto do ano está activa de luns a venres tamén nese horario e os sábados de 8:00 a 17:30 horas. Natalia Prieto incidiu na importancia da colaboración cidadá e na necesidade de que contacten co teléfono 012 cando detecten un niño de vespa velutina e informen da súa presenza co obxectivo de minimizar o seu impacto e frear o seu avance na comunidade.
O Goberno galego segue a traballar na implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto coa cidadanía. Deste xeito, manterase o chatbot posto en marcha en xullo do ano pasado para comunicarlle á Xunta a presenza de niños de vespa velutina como vía complementaria ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012. A través desta canle de comunicación recibíronse desde a súa posta en marcha e ata a semana pasada máis de 5.600 interaccións. Trátase dunha contorna de chat similar á doutros servizos en liña, que conta con opcións pechadas de resposta para guiar os usuarios co obxectivo de rexistrar o aviso de forma adecuada. O servizo está dispoñible as 24 horas do día os 365 días do ano e pódese acceder desde a páxina web www.xunta.gal/servizo-do-012.
Outra vía complementaria na xestión de avisos que se estrea como novidade neste ano é un axente virtual, un robot de voz baseado nos últimos avances en linguaxe natural e con tecnoloxía de última xeración e intelixencia artificial que funciona as 24 horas do día e se atopa integrado na ferramenta de xestión de avisos. Nesta liña, o Goberno galego mantivo o servizo de comunicación de resolución de avisos mediante SMS coas persoas que deron a notificación para informalas, o que supuxo no primeiro semestre deste ano máis de 5.500 mensaxes enviadas.
Neste servizo integrouse o ano pasado a aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final. Xa se realizou ademais a súa integración cos servizos de emerxencias do 112. Permítese así que se poidan derivar de forma automática os avisos para mobilizar os medios de retirada nos casos máis urxentes.
Pola súa parte, o director xeral de Emerxencias e Interior aclarou que cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos derívanse aos servizos de emerxencia do 112 para a súa retirada inmediata. Puxo como exemplos niños activos no interior de vivendas habitadas ou en establecementos singulares ou de pública concorrencia.
Niños retirados
O operativo da empresa pública Seaga encargada da encomenda da retirada dos niños desta especie nos 311 concellos galegos adheridos desprazou efectivos en máis de 5.000 ocasións entre xaneiro e xuño. Desta cifra, máis de 2.000 casos corresponden con niños eliminados ou neutralizados -957 na provincia da Coruña, 830 na de Pontevedra, 163 na de Lugo e 105 na de Ourense-, pero cómpre aclarar que noutros 2.155 avisos atendidos tratouse de niños inactivos. Ademais, noutros 516 casos non procedeu actuar por tratarse de especies distintas da vespa velutina ou por non poder visualizarse de forma directa, e en 142 supostos tratábase de avisos duplicados xa comunicados por outros cidadáns.
Na maioría dos 2.000 niños retirados, os efectivos de Seaga levaron a cabo os traballos nun prazo de menos de cinco días hábiles. En caso de existir dificultades para o acceso, realizáronse as actuacións necesarias para proceder coa maior rapidez posible. Natalia Prieto puxo en valor que con este plan centralizado de loita contra a vespa velutina, a Administración autonómica ofrece desde 2020 unha solución homoxénea nas zonas afectadas para acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización dos niños. Así, -sinalou- trabállase de forma coordinada cos concellos co obxectivo de loitar contra esta especie invasora e reducir a intranquilidade que ocasiona a súa presenza á cidadanía.
コメント