Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques e Touro quedan en alerta por este mesmo motivo, pero en nivel 1
Laura Moure/Xeral
A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vén de declarar a situación de alerta por episodio de calor nivel 3 (máximo) en varias zonas que abranguen un total de 48 concellos galegos:
Rías Baixas (Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa).
Interior de Pontevedra (Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces).
Ademais tamén se declara a situación de alerta por episodio de calor nivel 1 noutras áreas que abrangue a 90 municipios da comunidade.
Noroeste da Coruña (Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Laxe, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Oza-Cesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño e Vilarmaior).
Interior da Coruña (Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar).
Valdeorras (O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras)
Miño de Pontevedra (Arbo, Crecente, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui).
MeteoGalicia informa que a partir de hoxe e nos vindeiros días continuaremos baixo a influencia das altas presións estacionarias ao norte da Península, xerando unha circulación do nordés que se ira debilitando progresivamente. Esta situación favorece a entrada de aire moi cálido africano. Agárdase así un episodio de calor, especialmente ao oeste da provincia de Pontevedra. Unha situación que se estenderá mañá ao oeste e suroeste da provincia da Coruña. O domingo, a posible formación de brétemas costeiras nas Rías Baixas reducirá a intensidade do episodio de calor nesta zona
Intervención
O Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e polo Servizo Galego de Saúde, pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e polas Consellerías de Política Social e Xuventude e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Este plan, que está operativo dende o 1 de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás altas temperaturas, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.
Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar na maior medida posible danos á poboación.
Recomedacións
Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.
Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.
Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.
Comments