Poden ser solicitadas polas persoas interesadas no servizo, sempre que sexan maiores de 60 anos, válidas ou coa dependencia recoñecida en grao I ou II
Laura Moure/Antas de Ulla
A Casa do Maior de Antas de Ulla está lista para recibir aos seus usuarios e usuarias. "Hoxe recibiunos nas instalacións, completamente novas e moi equipadas, o seu promotor, Fernando, quen estaba a preparar os últimos detalles para abrir as portas do establecemento", informa o Concello.

A Casa do Maior está emprazada na Rúa Chantada, número 16, fronte á Praza Nova. Este novo proxecto está financiado pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Antas de Ulla. As Casas do Maior son pequenos centros de día que permiten que os municipios que non contan con este tipo de servizo poidan ofrecer terapias e actividades aos maiores dentro da súa contorna.
Servizos
Terá cinco prazas, que poden ser solicitadas polas persoas interesadas no servizo, sempre que sexan maiores de 60 anos, válidas ou coa dependencia recoñecida en grao I ou II. Contarán con servizo de transporte, servizo de comida e diferentes actividades, xogos e terapias.
O horario de atención será de 9:30 a 17:30 horas, aínda que dependerá da demanda dos usuarios e usuarias. O servizo préstase durante oito horas ao día. As persoas interesadas poden dirixirse á Oficina da Traballadora Social do Concello de Antas de Ulla, onde poden facer as súas inscricións. Para consultas ou dúbidas poden falar con Fernando no 605 970 081. "Este é servizo personalizado e moi necesario para o coidado dos nosos maiores". recalca o goberno local.
Comments