A Carixa loce nova cara logo dunha reforma na que se investiu 9.000 euros
- Laura Moure
- 15 jul 2024
- 2 Min. de lectura
A área recreativa de Merza posúe zonas de baño no río Deza, dúas piscinas e dous chiringuitos, ademais de mobiliario urbano
Laura Moure/Vila de Cruces
O verán xa chegou e con el as longas xornadas para gozar na área recreativa da Carixa, en Merza (Vila de Cruces). Aberta desde o venres, 21 de xuño, o Concello de Vila de Cruces realizou tarefas de mantemento para poñer a punto esta zona de recreo para a veciñanza e todas aquelas persoas que se queiran achegar ata este espazo público. “Un enclave único que se atopa nun emprazamento privilexiado ás beiras do río Deza”, segundo afirma o alcalde de Cruces, Luís Taboada, nunha visita que se celebrou este luns á concorrida zona de recreo.

Cun aforo de 400 persoas en aproximadamente 9.000 metros cadrados en cada marxe do río, a Área Recreativa da Carixa dispón dunha zona de baño con dúas piscinas, mesas e bancos de madeira, asadores, aseos, parque infantil, parque biosaudable, dous chiringuitos, zona axardinada e paseo, converténdose nunha área autosuficiente enerxeticamente ao estar equipada con placas solares.
Taboada explica que, para acondicionar a Carixa para a tempada de verán, realizáronse diferentes accións de mantemento que alcanzaron un presuposto de 9.000 euros. Sinala que se retiraron árbores caídas e realizouse a poda de moitas outras, ademais de cortar toda herba da zona. A praia fluvial congrega nesta época a numerosos bañistas xa que, ademais do río Deza, conta con dúas piscinas, unha grande para adultos, cun tamaño de 25x15x10 metros, e outra para os máis pequenos de 13x10x6 metros. Taboada apunta que as piscinas límpanse e énchense de auga do río cada dous días, para garantir a calidade das augas, eliminando posibles sedimentos ao seren piscinas naturais sen cloro.
Publicidade
Tamén lembra que hai dous anos arranxouse o vaso da piscina grande con pintura impermeable. Outras accións de mantemento realizadas este ano na Carixa foron o arranxo do peche de toda a área recreativa, e está pendente de substituír unha parte con cargo a unha subvención solicitada á Rede Natura. Tamén acometéronse o lavado do parque infantil e a reparación do seu valo perimetral; amañáronse varias mesas e bancos de madeira; substituíuse a esquina da pasarela de madeira que está baixo a ponte da estrada; reparouse o tellado do muíño; e colocouse unha nova uralita de cor vermella no tellado do “chiringuito” das piscinas.
Comments