As persoas que merquen nos comercios asociados durante o día 30 de abril poderán recoller ese mesmo día a planta amosando o ticket nun posto instalado na Praza da Igrexa

Laura Moure/Lalín
A Asociación de Empresarios de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín desenvolverán unha nova campaña de dinamización comercial para incentivar as compras co gallo do Día da Nai, que consistirá no agasallo dunha planta a cada persoa que realice unha compra o día 30 de abril nalgún dos comercios asociados.
Ese mesmo día 30, na Praza da Igrexa estará operativo un posto desde as 11.00 ata as 14.00 e desde as 17.00 ata as 20.00 horas, no que os clientes poidan acudir co ticket da súa compra a recoller a planta correspondente “para poder levarlla como agasallo a súa nai”.
Convenio con Vitaldent
O presidente da Asociación de Empresarios de Deza (AED), Antonio Lamas Carral, asinou este xoves un convenio de colaboración con Vitaldent polo que os empresarios e traballadores das firmas asociadas e os seus familiares directos poderán beneficiarse de condicións preferentes nos tratamentos odontolóxicos que ofrecen as clínicas Vitaldent de Lalín, Ourense e Santiago de Compostela.
Segundo o acordo suscrito, Vitaldent comprométese a realizar unha primeira consulta gratuíta, incluída unha ortopantomografía de diagnóstico, cun custo aproximado de 120 euros, así como un desconto do 15% en todos os tratamentos realizados nestas clínicas, ademais de facilitar o asesoramento necesario para poder obter financiamento ata 12 meses e ata cinco anos.
O convenio tamén establece que todos os empresarios e traballadores das firmas asociadas e os seus familiares terán dereito ás prestacións gratuítas de Vitaldent e, no caso dos familiares de ata nove anos de idade, gozarán do servizo gratuíto de odontopediatría preventiva, consistente en técnicas de cepillado, topificacións de flúor, seladores de dentes temporais e extracción de dentes temporais. Como “benvida a este convenio”, Vitaldent ofertará tamén a cada asociado un tratamento gratuíto de blanqueamento dental.

Comments