top of page

A biblioteca pública municipal de Silleda inicia o préstamo de lectores de libros electrónicos

Para poder usar este servizo é preciso ser maior de 18 anos e contar co carné da rede de bibliotecas públicas galegas, que xa se expende no centro dende o pasado ano


Laura Moure/Silleda

O departamento municipal de Cultura de Silleda vén de implementar o servizo da biblioteca pública municipal Daniel Castelao da localidade co préstamo de lectores de libros electrónicos. O centro conta xa con dous dispositivos para o préstamo a domicilio, que permitirá ás persoas usuarias dispoñer dun gran número de volumes. Esta iniciativa enmárcase dentro dos obxectivos deste servizo público para garantir o acceso á información a toda a cidadanía en condicións de igualdade, así como o de facilitar o acceso ás novas tecnoloxías.

Para poder facer uso dos dispositivos, será preciso ter o carné da rede de bibliotecas públicas (que xa se está outorgando dende o pasado ano no centro) e ter máis de 18 anos. Os libros electrónicos son compatibles ca plataforma de préstamo electrónico de Galicia (GaliciaLe), que ofrece catálogos en galego e castelán, e tamén eBiblio, do Ministerio de Cultura.


As persoas que desexen facer uso dos dispostivos deberán de cubrir unha instancia no centro, asumindo a normativa que rexe este tipo de préstamos. Os libros deben de transferirse ao dispositivo electrónico dende un ordenador. Para acceder ás plataformas as persoas usuarias deben darse de alta. Libros, audiolibros, revistas….estarán a disposición das persoas usuarias con este préstamo. Todas aquelas que desexen acollerse ao servizo disporán dun manual coas oportunas instrucións para o acceso.


Con esta iniciativa, que vén a complementar a entrada da biblioteca silledense a rede de bibliotecas públicas de Galicia mellorase o servizo a través do uso das novas tecnoloxías.

Segundo datos recompilados por GaliciaLe, dende o inicio da pandemia en marzo do pasado ano, o número de préstamos desta plataforma chegou a duplicarse respecto ao ano anterior, o que constata o auxe destas tecnoloxías tamén ao servizo da lectura.


Programa para inmigrantes

Por outra banda, o Concello de Silleda, a través dos departamentos e Educación e Benestar Social , que dirixe Ángela Troitiño, vén de poñer en marcha as clases de lingua no marco do programa Anduriña, de alfabetización e integración cultural para a poboación inmigrante do Concello de Silleda. Dende esta semana estanse a impartir clases de lingua castelá os luns e mércores, e como novidade tamén se impartirán aulas de lingua galega os martes e xoves. O horario das sesións é de 10:00 a 12:00 horas. Esta iniciativa está destinada a persoas inmigrantes maiores de 18 anos empadronadas no concello de Silleda. Hai xa unha trintena de persoas anotadas en total.


A participación é gratuíta. E as inscricións formalízanse no Centro Social de Silleda en horario de 8:00 a 15:00 h de luns a venres. O prazo para participar está xa aberto. O programa Anduriña, de alfabetización e integración cultural para a poboación inmigrante, ten como obxectivos xerais o impulso da aprendizaxe da lingua a promoción e adquisición de coñecementos sobre a cultura española e galega. Entre os obxectivos específicos figuran que os inmigrantes acaden unhas competencias lingüísticas base na lingua (oral e escrita), o fomento de habilidades sociais, ou o dar unha resposta educativa de acordo as necesidades presentadas por cada usuario de xeito individual, tendo en conta o seu nivel académico.


O municipio de Silleda conta a día de hoxe con máis de 800 veciños procedentes de distintos países, o que representa case un 10 % da poboación. “Cremos que este programa axudará ás persoas que chegan a residir ao noso municipio procedentes de países extranxeiros e que non coñecen ben a nosa lingua, a familiarizarse co idioma e mellorar as súas habilidades de comunicación”, indica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ángela Troitiño.


Os asistentes do programa Anduriña.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page