Ademais, actuarán recoñecidos artistas galegos nun espectáculo que leva por título
“Os Camiños de Breogán”
Laura Moure/Silleda
O XXII Concerto de Nadal da Banda de Música Municipal de Silleda volta o vindeiro venres día 30 ca cultura galega como protagonista. A formación, que dirixe Rafa Agulló, estará acompañada pola Banda de Gaitas o Concello de Forcarei e o grupo silledense Xirandola no espectáculo Os Camiños de Breogán, que estrearon no verán de 2019 no prestixioso festival intercéltico de Lorient .

Este espectáculo, que pon en valor a cultura tradicional e popular galega é unha aposta polo retorno ás orixes, e a converxencia entre o folclore, a música popular e sinfónica. Polo escenario desfilarán ademais recoñecidos artistas galegos como o multi instrumentista Abraham Cupeiro, o virutoso gaiteiro Pablo Seoane, Suso Vaamonde, José Manuel López
“Josele”, Begoña Lorenzo, Icía Varela e as cantadoras As Cernellas. Estará presentado pola comunicadora Rocío Rodríguez Padín.
A cita será no pavillón 1 do recinto Feiral Semana Verde de Galicia ás 21:30. As entradas para asistir (10 euros para socios da Banda e 12 para non socios) poderán adquirirse nas
instalacións da Escola de Música dende este luns e ata o día 28 en horario de 19:00 a 21:00 horas.
A cita foi presentada polos directores da Banda de Silleda. Rafa Agulló, e a Banda de Gaitas de Forcarei, José Antonio Vidueiros; os presidentes de ambas formacións, Herminio Gómez e Enrique Rey, respectivamente, e a concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González.
Dende as dúas agrupacións destácase que esta é tamén “unha, unha viaxe ao momento no que as bandas de música bebían das raíces da súa xente e a música, e de cando o baile tradicional recibía un renacimento de osíxeno, con novos ritmos, armonías e instrumentos”. Así mesmo, recalcan que esa proximidade no espacio e no tempo, son precisamente “a orixe das formacións que comparten escenario con este espectáculo, con grande compenetración” presentando ante o público un repertorio conxunto que conforma un mosaico de cores, imaxes e sonidos fantásticos, un programa fresco e renovado no que a música e o baile tradicional renacen collidos da man de xeito inigualabre, dinámico e sorprendente.
No repertorio figuran temas como A Barroca, de Nazario González; o poema de Curros
Enríquez Unha noite na eira do trigo, musicado por José Castro “Chane”; Pequena Meiga; o pasodobre Puenteares, de Soutullo; Finisterrae, de Adrián Saavedra; a Rianxeira, ou A Lenda de Montelongo, entre outras.
Comments