top of page

A Asociación Queremos Parcelarias pídelle á Xunta un compromiso serio con Agolada

Reclama o decreto das concentracións pendentes nas 10 parroquias


Laura Moure/Agolada

A Asociación Queremos Parcelarias en Agolada reclámalle á Xunta de Galicia “un compromiso serio” con Agolada. Logo de que o goberno galego anunciara unha batería de investimentos en concellos da Comarca do Deza, dende a asociación "esiximos á Xunta de

Galicia o investimento suficiente para sacar adiante dunha vez neste ano 2022 as concentracións parcelarias paralizadas no municipio dende fai doce anos e reclamadas incesantemente pola asociación".

“Non queremos anuncios baldíos antes das eleccións, que ao final sempre quedan en nada”, por iso Queremos Parcelarias reclama un “compromiso serio” antes de remate do ano actual dende o goberno galego nun momento que ademais é grave para o mundo rural.


Apoio aos gandeiros

"Estes días a causa da guerra en Ucraína, os gandeiros están vendo multiplicados os seus gastos debido á suba da electricidade e os combustibles e tamén polo aumento do prezo dos insumos de penso para os seus animais", lamenta Queremos Parcelarias. E subliña que queda demostrado xa que logo que o que fai falla é “apostar polos nosos gandeiros”, e no caso de Agolada a asociación lembra que as parcelarias que a Xunta ten paralizadas o que acadarían precisamente sería "redimensionar as parcelas nas oito parroquias afectadas de xeito que se poida producir nelas axeitada e eficientemente".


A asociación xa entregou á Xunta varios proxectos pendentes destas concentracións na zona, onde se ve a clara aposta pola viabilidade, entre outros, de producir en Agolada cereal propio. "Mesmo o goberno galego ten feito estudos do potencial agrario da zona destas parcelarias paralizadas dende fai 12 anos nos que se fai fincapé en que as parroquias de Agolada afectadas por estas parcelarias son de especial aproveitamento e actualmente están infrautilizadas pola escasa dimensión das parcelas, que fai inviable plantacións rendibles, coma o caso dos cereais ou outros produtos, ao igual que a gandaría", recalca.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page