top of page

A Asociación Queremos Parcelarias en Agolada pide reunirse co alcalde e coa voceira do PP local

O colectivo solicita información sobre o encontro do mandatario con Inés Santé e as relacións do PP municipal co seu grupo no Parlamento de Galicia

Unha concentración en Compostela para reivindicar as parcelarias pendentes en Agolada.


Laura Moure/Agolada

A Asociación Queremos Parcelarias en Agolada vén de meter hoxe por rexistro no Concello sendas peticións de reunións de traballo co alcalde, Luís Calvo, e coa voceira do PP local, Mari Carmen Seijas. Os membros da directiva de Queremos Parcelarias mantiveron o pasado domingo 28 de marzo unha reunión, na que acordaron pedir estes dous encontros e ademais veñen de solicitar tamén outra xuntanza co delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López.


No caso do alcalde de Agolada, Luís Calvo, Queremos Parcelarias explica que posto que o rexedor saíu recentemente na prensa logo de manter un encontro coa directora xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta, Inés Santé, “do que se desprende que o mandatario foi informado da situación na que se atopan as parcelarias pendentes no municipio”, piden unha reunión de traballo para que el lles traslade a información recibida neste encontro coa responsable da Xunta “e poder tratar a situación na que se atopan os procesos de concentración parcelaria que afectan a dez parroquias do noso concello e cal foi o calendario proposto pola Xunta de Galicia para levalas a cabo", apunta o colectivo.


En canto ao encontro que a asociación lle pide á voceira do PP, Mari Carmen Seijas, ten que ver co acontecido o pasado 25 de marzo na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia, na que se debateu una proposición non de lei presentada polo BNG e rexeitada finalmente polo PP. "A representante do PP nesa comisión afirmou que grazas ao interese e ao traballo político de Mari Carmen Seijas a situación na que se atopan as parcelarias pendentes no noso municipio están a levar un gran empuxe”. Por iso Queremos Parcelarias solicita “no menor prazo de tempo posible”, manter una reunión de traballo coa voceira popular “na que nos poida transmitir os feitos que levou a cabo para que a representante do PP nesa Comisión fixese tal afirmación en sede parlamentaria”.


Dende o colectivo dan por feito que o acontecido no Parlamento reflexa “a interlocución” de Seijas co goberno galego e por iso queren saber “cal considera que vai ser o calendario previsto pola Xunta para levalas a cabo”.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page