A Asociación Cultural Amigos da Empanada de Bandeira colaborará coa Efa Piñeiral de Arzúa
Visitou o centro de formación profesional e o obxectivo de por en valor a empanada galega e a profesión de panadeiro
Laura Moure/Silleda/Arzúa
Unha delegación da Festa da Empanada de Bandeira trasladouse ata Arzúa co propósito de promocionar a celebración gastronómica, e tamén as propostas culturais e gastronómicas que realiza a asociación ao longo de todo o ano na localidade. O alumnado, de diversos ciclos formativos, tivo a oportunidade de idear a “Empanada do futuro” propoñendo creativas ideas que axuden a lograr o título de Interese Turístico Nacional e obter tamén unha maior repercusión e calidade na programación anual da entidade cultural.

Ademais, ao longo da xornada, Amigos da Empanada reuniuse coa dirección e profesorado do centro educativo. Froito deste encontro, naceron acordos de colaboración que se materializarán en novas actividades enfocadas na formación e investigación gastronómica arredor da figura da empanada. Isto achega novas liñas de traballo para ampliar e dar visibilidade á profesión de panadeiro, tan desprestixiada na actualidade.
Andrés Seoane, presidente da asociación, quixo ademais agradecer a labor do centro de formación, sendo “un exemplo a seguir no mundo formativo e educativo, no proceso de revalorización do rural como motor do país”. Cristina Quinteiro, vicepresidenta, destacou a “calidade e compromiso de todo o profesorado, pondo en valor o mundo rural e tamén a lingua galega xa que o galego é a lingua vehicular do centro”. Mariña López, alumna do centro e membro da directiva de Amigos da Empanada, participou tamén na conferencia como poñente e destacou a innovadora metodoloxía da EFA Piñeiral, reivindicando tamén a importancia das redes sociais e do ámbito dixital no mundo asociativo.