A ampliación da firma de biotecnoloxía Alfaprogal en Palas de Rei: novo proxecto industrial estratéxico
- Laura Moure

- hace 6 horas
- 2 Min. de lectura
Dedícase á cría, engorda e transformación de larvas de mosca soldado negra que logo son destinadas á produción de fariñas proteicas e graxas destinadas á alimentación animal
Laura Moure/Palas de Rei
O Consello da Xunta de Galicia deu conta este luns da declaración como proxecto industrial estratéxico (PIE) das obras de ampliación da planta destinada á produción de fariñas proteicas e graxas con aplicacións industriais e agroalimentarias que a compañía Alternative Fats and Proteins of Galicia SL (Alfaprogal) ten no municipio lucense de Palas de Rei.

Trátase de instalacións destinadas á cría, engorda e transformación de larvas de mosca soldado negra e ao posterior proceso industrial necesario para a obtención de produtos destinados a diferentes usos en agricultura e alimentación animal. O proxecto de ampliación suporá un investimento de 100,3 millóns de euros e a creación de 100 postos de traballo directos e 25 indirectos. O proxecto promovido por Alfaprogal S.L ten por obxectivo aumentar a capacidade de produción de larva de mosca soldado negra das 12.000 toneladas anuais ata as 62.000 toneladas/ano.
Deste xeito, as novas instalacións contarán cunha área de cría e engorda constituída por módulos automatizados de biofiltros, control de humidade, temperatura e iluminación, con sistemas de alimentación intelixentes e recirculación de substratos; e unha zona de procesamento industrial que incluirá liñas de renderizado, secado e separación de fases (sólida/líquida), con capacidade para producir fariñas desgraxadas e aceites industriais.
Publicidade
Así mesmo, disporá dunha área de almacenamento e distribución onde se situarán os silos e depósitos para produtos finais, cámaras de estabilización, salas de ensacamento e carga. O proxecto tamén inclúe a posta en marcha de varias infraestruturas ambientais que inclúen un sistema de captación de emisións, control de bioaeresois, recuperación enerxética e tratamento de efluentes.
A previsión é que os traballos poidan comezar a mediados do vindeiro ano. A empresa promotora, Alfaprogal S.L., constituíuse no ano 2022 e pertence ao Grupo BioFlytech, que ten a súa orixe nunha empresa de base tecnolóxica da Universidade de Alacante orientada ao desenvolvemento de procedementos técnicos e científicos para a cría artificial de dípteros. A súa finalidade era a de achegar solucións á demanda de proteínas alternativas en alimentación animal e de polinizadores efectivos.
Publicidade
Este será o décimo noveno proxecto declarado estratéxico polo Goberno galego que, xunto cos anteriores, suman unha mobilización global de preto de 3.000 millóns de euros e máis de 4.700 empregos. Entre eles atópanse iniciativas como a planta de xeración, almacenamento e distribución de hidróxeno verde no concello de Arteixo, promovida por AccionaPlug; a factoría de biometano impulsada por Norbiogás BiometanoI no polígono industrial de Curtis, a nova planta de produtos do mar conxelados de Congalsa, na Pobra do Caramiñal (A Coruña) ou a ampliación da fábrica de Urovesa en Valga, entre outros. A ampliación da planta de Alfaprogal, S.L. está incluída no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, dirixido a impulsar e facilitar a implantación e ampliación en Galicia de iniciativas que creen riqueza e contribúan ao desenvolvemento do tecido empresarial e industrial.








Parece que está conselleira ten equipo cousa da que carece medio rural, mais adicada a celebrar Premios que pouco aportan