top of page
Perruquería Marisa.gif

A Alternativa Veciñal de Antas denuncia que "o pasado luns chovía no interior do centro de saúde"

"A día de hoxe nin temos centro de saúde novo nin o actual conta cas condicións necesarias para prestar un servizo de calidade e segue a ter as mesmas deficiencias que fai xusto tres anos", subliña

Ecos da Comarca/Antas de Ulla

Este pasado luns chovía no interior do centro de saúde en Antas de Ulla, tal e como asegura a Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA). Por este motivo, esta formación presenta por rexistro preguntas dirixidas ao pleno municipal solicitando información sobre a construción do novo centro de saúde e sobre que actuacións ten previsto o goberno municipal para arranxar as deficiencias do edificio municipal onde se localiza o actual ambulatorio e, de telas previsto, en que prazo se van executar.

"Dende o principio desta lexislatura AVA ven denunciando o mal estado das instalacións, así no pleno do 19/12/2019 presentabamos unha moción de urxencia sobre o estado do centro de saúde e o 07/01/2020 unha reclamación aos orzamentos ante a mala conservación de edificios municipais (en concreto alegamos o mal estado do Centro de Saúde e da Casa da Cultura)", indica.


Ademais, sinala que "o 26/12/2019 diriximos un escrito ao SERGAS o sobre as deficiencias na prestación do servizo. A mala situación do edificio municipal comprobouse polo Xefe de Atención Primaria máis uns cantos técnicos da Xunta na visita que realizaron a raíz desa denuncia o 23/01/2020. As conclusións desa inspección foron que os arranxos que se precisaban eran de tal calado que o máis viable era a construción dun novo centro de saúde".

No pleno do 28/01/20, lembra, "aprobouse por unanimidade de todos os grupos municipais a construción dun novo centro, pero dende AVA volvíamos a poñer o foco no pésimo estado do actual edificio do centro de saúde. Situación que o propio alcalde recoñecía, comprometéndose nese pleno a realizar o mantemento necesario do actual edificio mentres non houbera o novo". Pero “o certo, é que, a día de hoxe nin temos centro de saúde novo nin o actual conta cas condicións necesarias para prestar un servizo de calidade e segue a ter as mesmas deficiencias que fai xusto tres anos, sen ir máis lonxe no día de hoxe chovía dentro do edificio”, recalca María Gontá, voceira de AVA.


40 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page