top of page

A AED inicia o luns 25 días da campaña de Nadal, que inclúe ambientación e o sorteo de 10.000 euros

Instalará música ambiental en oito rúas céntricas, repartirá boletos para canxear por flocos de millo e chocolate no Posto Gastro Bar e coordinará o servizo gratuíto de paquetería e o tradicional concurso de escaparates


Laura Moure/Deza

A Asociación de Empresari@s de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín abrirán pasado mañá luns a campaña de dinamización comercial Nadal de

ensoño en Lalín, que se prolongará durante 25 días e que busca incentivar as compras nos

establecementos afiliados a través de iniciativas como a decoración ornamental e musical, a ampliación de horarios de apertura en datas sinaladas, un servizo gratuíto de paquetería e o sorteo de 10.000 euros en vales de compra e de tres Iphone 14.

Na área de ambientación, a campaña inclúe a instalación de altofalantes con música ambiental de Nadal en oito rúas céntricas: Principal, Colón, Joaquín Loriga, Pintor Laxeiro, avenida Luis González Taboada, Calzada, Alcalde Ferreiro e Antonia Ferrín Moreiras. A música soará desde a vindeira semana até o 6 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.


Por outra banda, a AED rematará o luns o reparto dos elementos decorativos elaborados polos/as usuarios/as de Aspadeza, consistentes nunha coroa de Nadal para colocar na porta de entrada de cada establecemento. Ademais, distribuiranse maceteiros para situar os abetos fóra dos establecementos e prégase que na decoración se empreguen as cores branca e dourada, ademais de colocar nas fachadas dos establecementos as guirnaldas con luces.


Sorteo de vales de compra e tres Iphone 14

En canto aos dous sorteos previstos nesta campaña, o primeiro deles repartirá un total de 10.000 euros en vales de compra entre as persoas que compren nalgún dos comercios asociados que aportaron 100 euros para esta campaña. Por cada compra obterán rifas para o sorteo dos vales de compra, que se efectuará o día 5 de xaneiro tras a recepción dos Reis Magos. Serán sorteos presenciais e os clientes que queiran participar deberán depositar unha parte das rifas nunha urna que ubicará a AED na Praza da Igrexa o mesmo día 5 de xaneiro en horario comercial. A mecánica do sorteo establece un premio de 1.000 euros en vales de compra e 30 premios máis de 300 euros en vales de compra. A persoa

agraciada deberá presentarse coa outra parte da rifa nese momento para poder reclamar o premio.


O outro sorteo, de tres Iphone 14, está orientado aos mozos/as menores de 30 anos que son usuarios/as do Carné Xove e que conten cun perfil real en Instagram. Para participar deberán realizar unha compra nalgún dos 46 comercios asociados que admiten o Carné Xove e posteriormente facer unha publicación no seu perfil de Instagram coa fotografía da compra e o hastag #NadaldeensoñoenLalín e enviala por Instagram Direct a @ae.deza. Admitiranse as mensaxes publicadas entre as 9:00 horas do luns 12 de decembro e as 24:00 horas xoves 5 de xaneiro de 2023 e entre todas as mensaxes recibidas realizarase o sorteo o luns 9 de xaneiro. As bases completas do sorteo poderán consultarse desde mañá domingo na web da AED (www.aedeza.gal).


Iniciativas adicionais

No marco da campaña Nadal de ensoño en Lalín, os comercios asociados á AED tamén acordaron que os sábados días 24 e 31 de decembro abrirán ininterrompidamente entre as 11:00 e as 18:00 horas. Ademais, todos os establecementos que o desexen poderán participar no tradicional Concurso de Escaparates, cuxo xurado puntuará tres aspectos: orixinalidade e innovación, iluminación comercial e exposición do propio produto. Tamén valorarán os medios e recursos cos que conta cada establecemento e o esforzo realizado en cada escaparate.


Por outra banda, os comercios asociados á AED repartirán os venres e os sábados entre os/as clientes/as que realicen compras os boletos para canxear -durante as fins de semana restantes de decembro e do 6 ao 8 de xaneiro- por flocos de millo e chocolate no Posto Gastro Bar ubicado na Aldea de Nadal da Praza da Igrexa, en horario de 18.00 a 21.00 horas.

Finalmente, co ánimo de facilitar as vendas, a AED alcanzou un acordo coa empresa de transporte MRW para ofrecer o envío gratuíto dun máximo de 20 paquetes por comercio entre o luns 12 dedecembro e o 5 de xaneiro. Os paquetes non poderán superar os 10 quilos de peso nin 1,5 metros de tamaño e deberán enviarse a destinos comarcais, provinciais, rexionais ou nacionais (só peninsulares).


Os comercios asociados que poderán acollerse a este servizo gratuíto de paquetería son os dedicados ás seguintes actividades: bazar, beleza, calzado, complementos, deportes, electrodomésticos, floraría, fotografía, herboristaría, iluminación, moda e calzado infantil, informática, lencería, libraría-papelaría, mobles e decoración, moda, óptica, ortopedia, parafarmacia, puericultura, souvenirs, telefonía, turismo e viaxes, xoguetería e xoiaría.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page