top of page

A AED aproba un orzamento de 345.000 euros de gastos para “o último ano deste ciclo”

As contas de 2020, marcadas pola pandemia, arroxaron unhas perdas de 10.234 euros, motivadas pola suspensión no cobro das cotas dos afiliados durante o confinamento


Laura Moure/Deza

A Asemblea Xeral da Asociación de Empresari@s de Deza aprobou este xoves nunha sesión ordinaria cunha reducida afluencia de afiliados/as o orzamento para o exercicio de 2021, que ascende a 345.000 euros no capítulo de gastos e a 349.000 euros no de ingresos.


Por partidas, os gastos corresponden a persoal, docentes e cargas sociais (90.000 euros), formación e servizos aos socios (45.000 euros), gastos de funcionamento (10.000 euros), gastos financeiros-hipoteca (5.000 euros), gastos en campañas (45.000 euros) e Programa Integrado de Emprego (150.000 euros). Pola súa parte, no capítulo de ingresos as principais partidas son: cotas dos asociados (95.000 euros), Programa Integrado de Emprego (155.000 euros), convenios (57.000 euros), subvención para orientación laboral (22.000 euros) e formación (20.000 euros).


Os/as socios/as presentes tamén lle deron o seu visto bo tanto á Memoria de actividades do ano 2020, como ás contas dese exercicio, que arroxaron unhas perdas de 10.234 euros, atribuídas ás mensualidades das cotas de afiliación que a xunta directiva acordou non pasar ao cobro no momento máis duro do confinamento, con todos os negocios e empresas pechados e sen actividade.

Asistentes á asamblea.


Na súa intervención, Antonio Lamas salientou que o ano pasado, durante os peores momentos da pandemia, “a AED volveu amosar o por que da súa existencia, estando ao carón dos seus asociados para axudarlles a solucionar os seus problemas” e “sendo sensibles coas dificultades económicas por mor do confinamento imposto”. Neste senso, lembrou que se asinaron convenios con Sogarpo e Iberaval para favorecer o acceso a microcréditos en condicións vantaxosas, que se xestionaron máscaras para as empresas asociadas cando non as había e que se contribuíu a promocionar a aqueles socios/as que fabricaban ou comercializaban solucións e produtos para combater a Covid-19. Ademais, o presidente salientou o papel desempeñado pola AED nas reivindicacións de axudas ás Administracións Públicas, na aportación de fórmulas para artellar o seu reparto e incluso na organización das mobilizacións de protesta contra a improvisación de medidas que condeaban ao peche aos negocios da hostalaría e o comercio.


Lamas tamén aproveitou para comentar que os estatutos da asociación establecen para o vindeiro ano o remate do mandato da actual xunta directiva e a súa etapa como presidente: “chega o final dun ciclo e espero que esta etapa final sexa en realidade un sprint final, traballando a todo ritmo como levamos facendo desde que accedemos á dirección da AED”. Nunha mensaxe que soaba a despedida, agradeceu “o traballo, a implicación e a lealdade de todos os compañeiros da xunta directiva” e asegurou que “é unha enorme honra ter traballado na defensa dos intereses dos asociados da AED, que en definitiva é traballar na defensa de todo o tecido empresarial dezano”.


Aínda que apuntou que “chegou o momento dun cambio”, non deixou de marcarse como grandes retos para este “sprint final” conseguir que a Xunta de Galicia licite a ampliación do polígono Lalín 2000 e “aproveitar o Xacobeo 21-22 para configurar e consolidar un novo modelo turístico que sexa un revulsivo socioeconómica para Lalín e para toda a Comarca de Deza”.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page