top of page

A AED apraza a actividade de fútbol freestyle prevista para este luns debido á previsión de chuvia

Laura Moure/Lalín

A Asociación de Empresari@s de Deza e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín acordaron este domingo aprazar o obradoiro de fútbol freestyle que os monitores de Vella Escola ían desenvolver este luns día 27, a partir das 17.00 horas na Praza da Vila, debido á predición de chuvia. Ao igual que o acontecido coa música na rúa de Perros de antes, anunciaranse novas datas para estas actividades de dinamización programadas dentro da campaña O Nadal de Lalín... mola.


As actividades que si se manteñen en previsión son o obradoiro de parkour previsto para o mércores 29 na Praza da Vila, a partir das 17.00 horas, e a visita dos Bolechas o mesmo día entre as 17.30 e as 19.30 horas. Polo momento, tampouco sofren variacións na programación o obradoiro de xogos populares do domingo 2 de xaneiro, a partir das 12.00 horas na Praza da Vila, nin os obradoiros de graffiti e danza urbana, programados para os días 3 e 4 de xaneiro, respectivamente, a partir das 17.00 horas na Praza da Vila.

Desde a AED e o CCA de Lalín lémbrase tamén que durante toda a xornada de mañá aínda se poderán depositar no buzón do “3 en liña” os cartóns cos tres selos das compras mínimas de 50 euros para participar no sorteo de 3.000 euros repartidos en 12 vales de compra de 250 euros cada un, que corresponden ás compras realizadas os días 20, 21, 22, 23, 24 e 26 de decembro.


Programa Integrado de Emprego

Por outra banda, a Asociación de Empresari@s de Deza tamén lembra que segue aberto o prazo de información e inscrición do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2021-22 outorgado pola Xunta de Galicia, no que poden apuntarse 100 persoas desempregadas -tanto homes coma mulleres- que estean inscritas como demandantes de emprego.


Nesta edición do PIE, as actuacións previstas cos usuarios/as consisten en orientación laboral, mellora curricular, asesoramento na procura de emprego, preparación de entrevistas, prospección empresarial, recopilación de ofertas de emprego e preparación de cartas de presentación. Ademais da formación específica e complementaria para mellor as competencias dos usuarios/as, estes poderán beneficiarse de medidas de conciliación, da posibilidade de realizar prácticas profesionais en empresas, dos servizos dunha aula dixital e dunha bolsa de asistencia diaria de sete euros.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page