top of page

A AED acollerá na súa sede vistas arbitrais para axilizar a resolución de litixios dos asociados

Este novo servizo será prestado pola asociación para o Arbitraje Mercantil TAM,

que tamén asesorará en materia arbitral ás empresas socias


Lamas, González e Campos, onte, durante a sinatura do convenio. Foto: AED


Laura Moure/Deza

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) facilitará a utilización da súa sede para a celebración de vistas arbitrais que teñan como parte ás empresas asociadas coa finalidade de axilizar a resolución dos litixios nos que estean implicadas e aforrarlles os habituais custos xudiciais. Este novo servizo será prestado pola asociación para o Arbitraje Mercantil TAM en virtude do convenio de colaboración asinado onte polo seu secretario técnico, Antonio González Tenreiro, co presidente da AED, Antonio Lamas, nun acto ao que tamén asistiu o vicepresidente, David Campos.


A Asociación para o Arbitraje Mercantil TAM é unha entidade de ámbito nacional habilitada para levar a cabo arbitraxes de carácter nacional e internacional, garantindo a posibilidade de que ambas partes acudan á arbritraxe en equidade e coa seguridade dunha correcta aplicación da normativa e da resolución dos problemas de índole técnico que poidan xurdir para o ditado dos laudos. Neste senso, o tribunal ten nas súas listaxes a árbitros de recoñecido prestixio e mantén acordos de colaboración con distintos colexios profesionais para facilitar listas de árbitros e actualizalas constantemente.


Entre as vantaxes do tribunal de arbitraxe mercantil destaca tamén a rápida resolución dos conflitos, xa que ao empregarse medios telemáticos axilízanse os prazos, “podendo resolverse un conflito entre as partes nun prazo de tempo infinitamente menor que o que se tarda na tramitación dun procedemento por parte da xustiza ordinaria”. Ademais, supón un importante aforro de custos, ao non ser necesaria a intervención de procurador nin avogado, nin o pago das taxas xudiciais. Por outra banda, a solución das controversias realízase no ámbito privado, sen publicidade, evitando as consecuencias que se

derivan de resolución xudiciais e os precedentes que conleva dita publicidade.


Por outra banda, ao abeiro do convenio asinado onte, a AED e a asociación TAM tamén acordaron colaborar na organización de encontros, xornadas e congresos orientados ao intercambio de información referente á arbitraxe, así como na edición conxunta de publicacións sobre esta materia.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page