Laura Moure/Rodeiro
Á área de Cultura do goberno municipal de Rodeiro convocou ás asociacións culturais do municipio coa finalidade de coñecer as suas necesidades. Nela participaron os representantes das asociacións de veciños de A Portela, San Xoán de Camba, Arnego, Alceme (Emecla) e Carboentes, representantes da ANPA, das asociacións de Mulleres Rurais Terras de Camba e Virxe do Faro, de Mocidade Kambota, Feira Camba Sustentable, Os Varacuncas, A Coral, e O Falar das Pedras.
"Estámoslles moi agradecidos a todos e todas pola súa participación e aportacións. Recordar tamén que os que non puideron asistir, ou non foron convocados por non ter o seu contacto, que non dubiden en poñerse en contacto con nós que os informaremos sen problema do falado na reunión", sinala o Concello.
Publicidade
Entre as súas demandas está a de ter espazos públicos para reunirse e poder celebrar as súas actividades. Ademais, as parroquiais demandan poder utilizar as casas das escolas das parroquias. As de ámbito local solicitan que se convoquen as axudas canto antes, xa que, tal e como se viña facendo, ao entregar os fondos públicos tres meses despois do remate do ano, non saben nin co que contan para realizar as súas actividades. "Tamén nos solicitan maior dispoñibilidade da Administración local para tramitar e executar as súas actividades, de feito, o departamento de Cultura ten adscrito un traballador municipal que podería axudarlles".
Para o departamento dirixido polo equipo de Unidade por Rodeiro é de máxima importancia a colaboración coas distintas asociacións para un bo desenvolvemento da actividade cultural de Rodeiro. "Tamén agradecemos a todas as persoas que de maneira altruísta fan este gran traballo. E nós estamos comprometidos coas súas demandas, de feito, e como proba diso, convocaremos as axudas culturais coa maior brevidade".
Comments