20 taxistas lucenses, entre eles un de Monterroso, reciben axudas para vehículos accesibles
Estes coches tamén producen baixas emisións ou emisións cero
Laura Moure/Monterroso
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu nos últimos meses 164.000 euros a 20 taxistas de Lugo, entre eles a un de Monterroso, para adquirir vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida -os denominados eurotaxis -; taxis de baixas emisións ou de emisións cero. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo onte un encontro cun taxista do concello de Vilalba que mercou un eurotaxi co apoio da última orde de subvencións, correspondente a 2022.

Arias explicou que do total das achegas aprobadas, 11 foron para taxis adaptados, 12 para os chamados ECO – de baixas emisións - e unha para un automóbil de emisións cero. Algúns dos 20 taxis beneficiarios reunían varias das características.
En canto ao reparto na provincia, o municipio de Lugo rexistra tres beneficiarios; a Fonsagrada outros tres; as comarcas da Terra Chá e Meira seis -dous en Vilalba e un na Pastoriza, Guitiriz, Meira e Pol -; a Zona Sur cinco – en Carballedo, Pantón, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos e Sober -; e un en Portomarín, Samos e Monterroso, respectivamente.
Arias afirmou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria desta liña de apoios cun orzamento total de 500.000 euros. As axudas, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para mercar de eurotaxis; 6.000 euros para vehículos de emisións cero; e 4.000 euros para o caso de baixas emisións. O prazo de presentación de solicitudes esténdese ata o 14 de outubro de 2023.