CICLO DE ACTIVIDADES EN LALÍN 'ACTÍVATE POLO DANO CEREBRAL ADQUIRIDO'
mar, 02 jul
|Lalín
Horario e localización
02 jul 2024, 16:30 – 03 jul 2024, 19:00
Lalín, Lalín, 36500 Lalín, Pontevedra, España
Sobre o evento
A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e o Concello de Lalín promoven o ciclo de actividades ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’, unha iniciativa orientada a concienciar á poboación lalinense sobre a casuística, dimensión e prevención desta discapacidade, provocada fundamentalmente por por ictus e traumatismos cranioencefálicos. A programación, enmarcada no convenio de colaboración existente desde 2021 entre ambas entidades, combina accións informativas, formativas e deportivas que se desenvolverán entre o 25 de xuño e o 3 de xullo en distintas localización da capital do Deza.
O ciclo de actividades, desenvolto con financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0.7% do IRPF, pretende achegar a realidade do dano cerebral desde diferentes dimensións. A programación arranca o 25 de xuño ás 16:30 h no Edificio Polivalente Manuel Rivero coa sesión informativa ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’. A charla, destinada a público xeral, estará centrada na prevención da discapacidade a través da abordaxe das causas, os factores de risco, os signos e síntomas de alarma e as pautas de actuación ante a súa aparición, ademais de ofrecer información sobre os recursos de atención sociosanitarios dispoñibles na contorna.
O venres 28 de xuño, ás 16:30 horas, tamén no Edificio Polivalente Manuel Rivero, celébrase unha sesión informativa centrada en materia xurídica coa presentación da ‘Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido. Aproximación á lei 8/2021 e a outras normativas de interese para o colectivo". A actividade, dirixida tanto a profesionais do ámbito dos servizos sociais como a persoas e familias con dano cerebral, estará impartida por Miguel Vieito, avogado e responsable do servizo de asesoramento legal da Federación. Vieito detallará os cambios introducidos pola Lei 8/2021 e outras normativas na lexislación civil e procesual que afectan ao exercicio da capacidade xurídica das persoas con discapacidade
O día 30 de xuño celebrarase a 3ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral’, a actividade central da programación, e o 3 de xullo realizarase o obradoiro de sensibilización para público infantil Os Bolechas; no marco do Servizo Concilia do Concello de Lalín.
Finalmente, están previstas tres sesións do obradoiro ‘Autocoidados para mulleres coidadoras’, especialmente dirixido a quen presta coidados informais no ámbito do dano cerebral e deseñada co fin de facilitar información e pautas que axuden a exercer este rol sen desatender a atención á propia saúde. A actividade terá lugar o 26 de xuño ás 16:30 horas no Local Social de Vilatuxe, o 2 de xullo ás 16:30 horas no Local Social de Goiás, e o 3 de xullo ás 16:30 horas no Local Social de Cercio.
As persoas interesadas en inscribirse en calquera das actividades poden facelo de forma gratuíta no teléfono 689 083 144 e de maneira presencial na área de Servizos Sociais do Concello de Lalín .