Laura Moure

3 de nov de 20221 min.

O goberno de Silleda lamenta o derrube da andamiaxe e reclama explicacións ás distintas direccións

A rúa Progreso permanece pechada ao tráfico dende primeira hora da maña, desviándose neste tramo pola rúa Condes do Deza

Laura Moure Silleda

O goberno municipal de Silleda lamenta o incidente ocorrido esta madrugada co derrube da andamiaxe e parte da fachada do edificio municipal da rúa Progreso que se está a rehabilitar para albergar a nova Casa Consistorial, ao tempo que se reclaman explicacións por parte da empresa e as distintas direccións que están a levar esta actuación.

Operarios están levando a cabo a súa retirada.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, achegouse esta mañá ao lugar dos feitos e nada máis ter coñecemento do acaecido convocou, con carácter de extrema urxencia, unha reunión cos responsables da empresa construtora, a dirección de obra, coordinación de seguridade e demais técnicos responsables da actuación.

"A falta de que se concreten as causas deste derrube, todo parece indicar que o desprendemento se iniciou na fachada da última planta do edificio, onde estaban os anclaxes do andamio", indica o Concello.

O mandatario advirte que por fortuna non hai que lamentar danos personais, pero ante a gravidade do acontecido avanza que o Concello pedirá as explicacións necesarias para aclarar o sucedido, e de ser o caso, reclamar responsabilidades.

A rúa Progreso permanece pechada ao tráfico dende primeira hora da maña, desviándose neste tramo pola rúa Condes do Deza. Mentres os operarios da empresa que montou a estrutura do andamio están xa a proceder á súa retirada.

AS INSPECCIÓNS TÉCNICAS AVALAN A SEGURIDADE: https://www.ecosdacomarca.com/post/as-inspecci%C3%B3ns-t%C3%A9cnicas-realizadas-hoxe-avalan-a-seguridade-na-obra-do-novo-consistorio-de-silleda

NOTICIA RELACIONADA:

    6