"Xustiza para o Ulla" supera os 30.000 euros recadados para enfrontar a loita xurídica contra Altri
- ecosdacomarca
- 7 abr
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
A campaña de doazóns impulsada por ADEGA para emprender a loita xudicial contra a celulosa de Altri vén de superar os 30.000 euros recadados en pouco máis dunha semana. A organización ecoloxista lanzou o micromecenado Xustiza para o Ulla o pasado venres, 28 de marzo, co obxectivo de reunir os fondos necesarios para a defensa xurídica do Ulla e da ría de Arousa fronte á macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino.
Publicidade
O éxito desta campaña mostra a solidariedade do pobo galego coa defensa da terra fronte a proxectos depredadores e contaminantes coma estes.O actual reto de recadación, vinculado á loita contra a celulosa, superou xa o 75% do obxectivo de recadación, que ascende a 39.100 euros. Estes fondos permitirán a ADEGA enfrontar, con garantías económicas, técnicas e xurídicas, dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG):
1. A impugnación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto de Altri e Greenalia, anunciada para antes do verán.
2. O recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise. Máis alá deste primeiro reto, ADEGA irá lanzando novos obxectivos conforme se vaian dando ou anunciando as distintas resolucións administrativas recorribles da Xunta de Galiza que sexan favorables á execución da fábrica de celulosa de Altri ou á mina de Touro-O Pino.

Os custos da loita xurídica (recursos, demandas, medidas cautelares, informes periciais, eventuais caucións e/ou costas...) contra ambos os dous proxectos poden variar dependendo do número e entidade dos procedementos xudiciais que haxa que emprender nos vindeiros meses, mais se a Xunta outorga todas as autorizacións recorribles, estes poderían superar os 100.000 euros.
ADEGA mostra o seu fondo agradecemento a todas as persoas que están contribuíndo coa campaña "Xustiza para o Ulla" e chama a facer un último esforzo de recadación para superar con éxito este primeiro obxectivo, que permitirá presentar dous contenciosos contra o proxecto de celulosa.
As doazóns poden realizarse a través da páxina web da campaña: https://adega.helpbysc.com/xustizaulla; e todas as contribucións contarán con beneficios fiscais de ata o 80% na declaración do IRPF.
Comments