top of page

Xunta e Concello de Palas de Rei colaborarán na substitución integral da cuberta do centro de saúde

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O conselleiro de Sanidade e o alcalde de Palas de Rei veñen de asinar un convenio ao que destinarán máis de 155.000 euros, para a reforma do centro de saúde deste municipio


Laura Moure/Palas de Rei

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada Camoira, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o financiamento da reforma do centro de saúde que, segundo o informe achegado pola área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, consistirán na substitución integral da cuberta.

A memoria técnica elaborada desde a área sanitaria para acometer esta reforma propón a substitución da totalidade da cuberta de lousa, incluíndo a renovación dos canalóns. A cuberta reforzarase fixándolle un illamento ríxido de 40 milímetros de espesor e renovando as limas e remates necesarios para impedir o paso da auga. Deste xeito, arranxaranse os problemas de entradas de auga que afectan á area do Punto de Atención Continuada, á zona de consultas e ás zonas común, e que motivaron varias actuacións de reparación provisional nos últimos anos tralos danos causados por temporais.


O elevado importe da actuación (155.230 euros), a súa urxencia e a relación do obxectivos de illamento e eficiencia enerxética das instalacións, recomendaron elevar a participación da administración galega neste convenio ata o 75% do importe, tal e como se ten feito en reformas similares como a que se acordou co Concello de Castro Caldelas.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz; o conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Palas de Rei contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.


Ademais, lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde de Palas de Rei nos últimos anos, pois, froito doutros convenios de colaboración, leváronse a cabo obras de mellora por importe de 107.578 euros para mellorar os accesos ao centro, instalar un grupo electróxeno como sistema de emerxencia, axeitar os espazos para localización do persoal técnico da ambulancia do 061 e área de estar e descanso do persoal do PAC, ou substituír as tubaxes de calefacción.

Outras renovacións

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as cinco obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.


En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Carballedo, Sarria, Monterroso e O Saviñao. Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta liña, nos últimos anos e a través de colaboración cos concellos, reformáronse nesta provincia centros como os de Pantón, Xermade ou Portomarín.

Preme na imaxe se quere contactar connosco!

Para iniciar eses proxectos e abordar a execución doutros, a Xunta de Galicia conta nos Orzamentos deste ano con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior partida dos últimos 16 anos, só superada pola de 2021 na que se incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuítos e espazos á pandemia. A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.


No orzamento para 2022 a Xunta reforzou, unha vez máis, o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinados, desde 2007, cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que para a provincia de Lugo ascendeu a 2,5 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Palas de Rei recibe 50.658 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros, senón que tamén colabora cofinanciando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page