top of page

Xabóns que nacen desde O Sexo durante a pandemia

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Laura Sánchez Fuciños aproveitou o confinamento na súa parroquia natal de Agolada para afondar na elaboración destes produtos


Laura Moure/Agolada

Hai un ano a vida quedou patas para riba para todos porque unha pandemia chegou a noso día a día sacudíndonos e prohibíndonos o máis importante que ten un ser humano: a liberdade. Chegaron meses de confinamento, de ter que quedarse na casa e chegou todo o tempo do mundo para facer aquilo que levabamos anos querendo facer, pero que pospoñiamos por falta de horas. Se algo bo podemos dicir do confinamento é tamén que a creatividade deixouse ver por moitos rincóns e xurdiron marabillosas iniciativas. Precisamente, Os Xabóns de Laura naceron nesta tempada. A súa creadora é Laura Sánchez Fuciños, natural da parroquia agoladesa do Sexo, aínda que na actualidade reside no Burgo ( A Coruña).


Laura Sánchez con seus xabóns.

"De pequena vin facer un par de veces na casa o xabón para lavar a roupa e foi unha actividade que me cautivou. Así que moitos anos despois empecei a ler sobre o tema e a experimentar. Dende fará cinco ou seis anos xa os viña facendo para min, de lavanda, porque son unha namorada desta, pero non foi ata esta pandemia cando me dispuxen a elaborar en cantidades máis grandes e para os demais. Paseime seis meses na aldea e nese tempo dediqueime a facer oleatos con tódalas plantas que tiñamos na aldea (lavanda, rosas, romeu, ruda, manzanilla, hipérico, caléndula) para despois utilizalos nos xabóns e así, deste xeito aproveitar as súas estupendas propiedades", conta Laura Sánchez.


Os xabóns verdadeiramente artesáns e naturais teñen incribles propiedades para a pel e ademais non contaminan o medio ambiente. Sánchez emprega distintos compoñentes para elaboralos habendo para todos os gustos. "A base é aceite de oliva (ben en oleatos coas propiedades medicinais das plantas ou ben só)que se acompaña con outros aceites como o de coco, améndoas, ricino, jojoba, rosa mosqueta, aguacate... e mantecas de Karité, de cacao, cera de abella...", apunta. "Tamén xogamos con plantas secas e moídas, especias, arxilas… O olor é totalmente natural xa que provén das plantas, infusións e sobre todo aceites esenciais de gran calidade. Non levan nin perfumes nin aromas engadidos".


E para facer todo ese proceso, primeiro é necesario conseguir todos os elementos e de isto mesmo tamén se encarga ela o que lle dá un valor engadido a cada produto. "As plantas recólloas ou ben na aldea como é a rosa, lavanda, romeu, ruda… E o monte vou a recoller o hipérico e o toxo… Con elas fago os oleatos para usalos logo e tamén as seco, para traballar con elas".


Ademais, cada xabón esconde moitos segredos porque cada un está formulado para tratar diversas afeccións. "Así, por exemplo os de romeu e arxila verde é ideal para regular o nivel de sebo porque é astrinxente; o café e canela é un excelente exfoliante e desodorizante; o hipérico é boísimo para tratar eccemas; o de rosas é un potente rexenerador da pel e axuda a atenualas engurras; o de manzanilla é efectivo contra enfermidades da pel, como acné, rosácea, pel atópica o igual que a caléndula, que ademais este tamén é moi bo para peles sensibles. E os de toxo ten moitas propiedades antioxidantes".


Como podemos observar é un mundo moi interesante o que esconde os xabóns naturais así como todas as plantas que nos rodean e sen sabelo teñen tantos beneficios. O método que usa "é o de saponificación en frío, que conserva como ningún outro método as propiedades dos aceites naturais, así deste xeito aprovéitase o máximo as calidades nutritivas e medicinais de aceites e plantas. Precisan unha curación de 40 días. E hai que dicir que son 100% biodegradables, non contaminan auga e terra e son ecolóxicos. E tamén que están feitos con moitísimo amor", incide. E ademais, esta agoladesa xa vai máis alá e tamén se atreve cos xampús sólidos "que están tendo moi boa acollida e que están feitos con derivados do coco, plantas medicinais tales como ortiga, romeu e plantas ayurveda como shikakai e amla".


Os interesados poden ver todo o que fai a través das súas redes sociais (En Instagram (Os xabóns de Laura) e en Facebook no perfil Laura Sánchez Fuciños). Sen dúbida, merece a pena darse un recorrido por elas porque son verdadeiras obras de arte e sobre todo, están cargadas de beneficios para a nosa saúde.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page