Manoele de Felisa e Queiman e Pousa traerán os seus espectáculos
ao campo da festa desta localidade
Laura Moure/O Pino
Por segundo ano consecutivo, e coa fin de evitar a propagación da pandemia da Covid-19, o Concello do Pino tomou a decisión de suspender a celebración da Festa do Galo Piñeiro ao xeito tradicional. Adaptándose ás restricións e aos protocolos sanitarios vixentes, substitúe así o xantar popular, os certames e os actos que se viñan celebrando habitualmente polo Festival Folk O Pino 2021, que terá lugar o 31 de xullo no campo da festa de Arca e constará de dous espectáculos con entrada independente.
O primeiro dos espectáculos programados no Festival Folk O Pino 2021 é Cancioneiro no Camiño, de Manoele de Felisa Grupo. Trátase dun percorrido teatralizado por 18 cancións tradicionais e de autoría propia de Manoele de Felisa no que se repasan historias acontecidas nos Camiños dende a chegada do Apóstolo a Galicia até hoxe. A actuación iniciarase ás 20:00 horas.
Música folk, danza e efectos especiais poñeránlle a partir das 22:30 o colofón ao festival coa actuación de Queiman e Pousa, que estrearán no Pino o seu espectáculo Queiman e Folki. Nel enxalzan a nosa terra galega homenaxeando as súas xentes, as súas paisaxes, a súa cultura ou as súas lendas. O público asistente participará tamén dun sorprendente ritual da queimada.
A entrada ao festival é gratuíta, pero é necesario reservar invitacións por motivos de aforo. As persoas interesadas, poderán reservar ata un máximo de seis entradas por espectáculo ata o xoves 29 de xullo chamando ao teléfono 981 511 065 (de luns a venres, entre as 10.00 e as 14.00 horas) ou enviando un correo electrónico a cultura@opino.gal, no que terán que facer constar nome, DNI e número de teléfono. Todos os asistentes permanecerán sentados, en sillas individuais, que manterán entre elas unha separación de 1,5 metros.
ความคิดเห็น