Laura Moure/Lalín
O pasado mes de decembro en ECOS DA COMARCA falamos de Winter: a gata influencer con orixe lalinense que triunfa en Instagram. Pois hoxe esta felina tan famosa volve ser noticia. Foi a ganadora dun concurso moi especial Tu pata me suena de Pets of Spain. Todo o recadado neste certame irá destinado á Asociación Bigotes Colonias de Gatos de Lalín.

Winter, que concursaba no divertido concurso de fotografías de entroido a favor de Bigotes de Lalín, queda gañadora no concurso no que participaban unha treintena de mascotas de todo o Estado. Pets of Spain, a entidade organizadora do evento, ten como obxectivo unir aos petinfluencers de todo o Estado nun proxecto colectivo no que participen seguidores activos en todo tipo de sorteos, difusións e eventos de apoio ás asociacións protectoras.
"E é que Winter aínda que pouco a pouco se vai facendo cada vez máis famosa e cada vez máis marcas de produtos e alimentos de mascotas se interesan por ela, non esquece as súas orixes e aproveita todas as oportunidades para divulgar e promover tanto a tenza responsable como a visibilización da labor das protectoras de animais. É unha firme convencida de que o amor polos animais é un valor que hai que cultivar porque nos fai felices a todos, tanto aos humanos coma ás mascotas", sinala Bigotes. "Sempre positiva, decidiu participar cunha divertida e, ao tempo, elegante fotografía na que posa cun lazo de raso azul no concurso que organizaba Pets of Spain, no que cada mascota representaba a unha protectora da súa elección".
Tanto Winter, como Carlota Montoto, así como Bigotes de Lalín, expresaron onte a emoción
que viviron durante o concurso, e o seu agradecemento á organización do evento polo que estas iniciativas supoñen para o mundo das protectoras e do benestar animal. Todas queren dar as grazas ás persoas que axudaron cos seus Me gustas e comentarios a que Winter quedase gañadora. Están especialmente felices polo alto grao de participación de veciños e veciñas da zona apoiando á pequena con tantas expresións de cariño... "Non era Eurovisión, pero a emoción vivida si podería asemellarse ao que podería ser", subliña Bigotes.
E tamén temos declaración da triunfadora.
"Elixín está protectora porque xa levo un ano colaborando con eles e fan unha labor enorme cos gatiños da rúa, para castralos, facéndolles un seguimento a cada un e mimalos. Axudan a buscarlle casa aos gatos que recollen da rúa e son un amor todos os voluntarios que forman a protectora", declarou Winter a través do seu Instagram unha vez que recibiu a noticia.
Queres saber máis da historia de Winter? Toda a información no seguinte enlace, a noticia que sacamos hai uns meses dela:
Comments