Estas sesións comezaron este martes na Casa da Xuventude, con 29 persoas usuarias, e realizaranse todos os martes e xoves en horario de mañá
Laura Moure/Silleda
O Programa de Intervención Integral de atención a Persoas con Alzhéimer e outras demencias e familias coidadoras, que se vén realizando en Silleda dende o 2014, retomouse este martes ca reanudación dos obradoiros de terapia ocupacional e de
estimulación cognitiva despois do parón das vacacións de Nadal. A concelleira de Benestar, Ángela Troitiño; a tenente de alcaldesa, Mónica González; e o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla, asistiron ao inicio destes obradoiros.
Estas sesións, nas que participan 29 persoas, celebraranse todos os martes e xoves de 10:15 a 13:30 –en dúas quendas- nas instalacións da Casa da Xuventude. Estes obradoiros están impartidos por persoal de Afapo e buscan previr a aparición de demencias.
Publicidade
O Concello de Silleda renovou así un ano máis o convenio coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), á que se aportan máis de 20.000 euros (3.000 euros máis que na anualidade actual) para atender ás persoas afectadas pola enfermidade e as súas familias.
Publicidade
Coidados compartidos
Por outra banda, a maiores dos obradoiros, na programación deste ano tamén se inclúe un curso de formación para persoas e familias coidadoras non profesionais, a través do programa “Coidados compartidos”, que está previsto celebrar en marzo, con varias sesións nas que se abordarán cuestións como os síntomas cognitivos e non cognitivos, terapias non farmacolóxicas, a comunicación cas persoas con demencia ou o autocoidado da persoa coidadora.
Publicidade
“Dende o Concello de Silleda levamos xa 9 anos traballando neste programa con Afapo e implementando os recursos para axudar sobre todo a previr a aparición de demencias”, indica a concelleira de Benestar.
Commentaires