top of page

Volve “O Recuncar da Bandeira” o día 27 cunha gran comida popular e cunha gran programación cultural

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O Pregón da Vila será a cargo de Pepe Ayude e a cita terá lugar na Carballeira da Silva


Laura Moure/Silleda

A Asociación Amigos da Empanada anuncia a segunda edición de “O Recuncar da Bandeira” cunha gran comida popular e unha completa programación musical na Carballeira de Silva.

A concelleira de Cultura, Mónica González, e Andrés Seoane, presidente do colectivo, hoxe na presentación.

"Recuncar (v.): 1. Comer máis ou beber de novo do mesmo que se acaba de comer ou beber. Baixo este verbo tan arraigado na nosa cultura gastronómica, A Bandeira recunca co obxectivo de repetir o gran éxito que acadou a primeira edición desta xuntanza da vila que reúne á veciñanza da Bandeira e arredores", resalta o colectivo silledense. A xornada do sábado 27 de maio tocará abandonar a reflexión política para sumarse a unha xornada festiva que dará comezo ás 11:30 horas con xogos populares na Carballeira de Silva, a nova localización do evento.


Aos xogos populares sumaranse as actuacións dos grupos de música tradicional Punteirolo de Vila de Cruces e a Asociación Cultural Xirandola da Bandeira que amenizarán a xornada matutina antes de dar comezo ao Pregón da Vila no que Pepe Ayude será a persoa encargada de recoller a testemuña de José Casal. Ayude é unha das caras máis coñecidas da Festa da Empanada, expresidente da Asociación Amigos da Empanada e recentemente declarado Socio de Honra ven de presentar nos últimos anos diversas edicións da cita gastronómica así como de dirixir a tradicional poxa de empanadas. Para o actual presidente, Andrés Seoane, “Pepe Ayude é todo un referente da nosa vila e un dos máximos impulsores da Festa da Empanada polo que este novo recoñecemento é máis que merecido”. Cabe recordar que a figura do Pregón da Vila nace para homenaxear a aqueles veciños e veciñas que presentan unha grande vinculación e compromiso coa vila da Bandeira, colaborando no seu progreso e dinamización cultural.


As entradas

Unha vez finalice a lectura do pegón será a quenda de Pachi Show que tras 58 anos nos escenarios fará vibrar unha vez máis o pobo da empanada. E falando de empanada, esta non faltará na gran comida popular na que a ensaladilla, carne guisada con patacas e por suposto, o postre e o café completarán o menú. O prezo da comida será de 25 euros, sendo gratuíta para os menores de 6 anos e a 15 euros para aquelas crianzas que teñan entre 6 e 11. As entradas para a comida xa están á venda no Arume, A Taberna do Músico, A Casiña dos Contos, Merca Mella, Trécola así como nas redes sociais da Festa da Empanada ou a través do 621 08 71 17 (Whatsapp), e poderanse mercar ata o 25 de maio.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Unha vez finalizado o xantar será o momento de probar sorte nunha nova edición especial do Bingo Empanada, que contará con grandes premios pensados para todas as idades. E a troula non cesará xa que a recentemente creada charanga local Os Empanaos amenizarán a tarde xunto cunha posterior sesión karaoke. Pola noite, Pachi Show e os Djs Xavi Villar e Cid manterán a festa ata altas horas da madrugada cos máis diversos estilos musicais.


A directiva da Asociación Amigos da Empanada agradece o apoio da veciñanza, do comercio local e do Concello de Silleda, principal institución colaboradora do evento.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page