Será no mes de maio con tres novos ciclos
Laura Moure/Silleda
O programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago volta de novo a Silleda, por terceiro ano consecutivo, o vindeiro mes de maio con tres seminarios dirixidos a poboación de máis de 50 anos. Dende a USC, e en concreto dende a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos e o Programa Universitario de Maiores, deseñouse un programa formativo que se levará a cabo no salón de actos da Casa da Xuventude de Silleda , entre os días 11 e 19 de maio.
Para a realización, débese contar cun número mínimo de 15 persoas por ciclo. As que estén interesadas, ou queiran informarse sobre este programa, poden chamar xa ao Concello de Silleda, no departamento de Cultura (chamando ao 986 580 000). As inscricións, totalmente gratuitas, tamén se realizarán neste mesmo departamento.
As tres sesións desenvolveránse cada una durante dúas xornadas, con sesións de hora e media en horario de tarde, dende as 16:30 ás 18:00 horas. A primeira delas, prevista inicialmente para os días 11 e 12 leva por título Riscos do consumo problemático de alcohol e tabaco na poboación Xeral, será impartida por Nuria García Couceiro, profesora da Facultade de Enfermería da USC. Afondarase sobre os niveis de consumo destas
substancias, a súa repercusión así como a prevención detección e intervención, inluindo unha xornada práctica.
Os días 15 e 16 de maio o profesor Anxo Rodríguez Lemos, doutor en Historia, impartirá un seminario sobre a carta xeográfica de Galicia realizada por Domingo Fontán. O matemático natural de Portas foi o encargado do levantamento do primeiro mapa mías moderno e rigoroso de Galicia, todo un fito na historia da comunidade. Ademais de abordar contidos básicos como a presenza de Galicia nas cartas náuticas e mapas previos ao traballo de Fontán, o cilo achegarase á figura deste matemático. A segunda xornada terá un carácter práctico analizando os elementos da carta xeográfica a partir dunha edición facsimilar (1 mapa en 12 follas sobre lenzo) e analizando mesmo os cambios nas entidades de poboación da comarca.
O terceiro e último seminario, os días 18 e 19 de maio, terá como protagonistas as plantas medicinais, cas súas aplicacións e usos. Será impartido por Pilar Riveiro López, Educadora Social e técnica en Protección Radiolóxica. Tamén se abordarán de xeito práctico o recoñecemento das plantas medicinais máis frecuentes en Galicia.
O obxectivo principal deste programa é favorecer a democratización do coñecemento; potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos dos municipios colaboradores no proxecto. Para elo, dende o IV Ciclo da USC utilízanse accións específicas que se concretan en varios obxectivos específicos.
Entre eles figuran revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio; concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas; recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas emocións e vivencias ou acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.
コメント